«Coa decisión de Máis Galiza, en Ourense vaise medio BNG»

La Voz

OURENSE

13 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Pouco máis de catro meses levaba Xosé Carballido Presas como director xeral de Rehabilitación Urbana no Concello de Ourense. Onte presentou a súa dimisión tras decidir deixar o BNG. «Había unha xente que pensaba que era suficiente con ter o 10% e ser a voz crítica contra o goberno de turno e outros que pensabamos que temos que cambiar as cousas desde o goberno», explica o tamén exresponsable local do Bloque ata hai so uns días. Das súas competencias en materia de vivenda vaise «satisfeito pero cun certo grado de frustración por non ter terminado cousas que estaban en marcha», confesa.

-¿Está satisfeito coa decisión que tomou Máis Galiza, formación a que pertence, de abandonar o BNG?

-Si. Eu era defensor da teoría de que ese partido que creamos debería traballar fora do BNG. Creo que hai espazo, que hai moita xente que algún día votou ao nacionalismo e o deixou de apoiar. Hai 200.000 votos que perdemos e ao mellor esa xente opina que é bo que haxa unha opción nacionalista fora do BNG.

-Vostede deixa o BNG e tamén o cargo. ¿Non deberían facelo tamén os alcaldes e concelleiros que xa se foron da fronte?

-Son situacións distintas. Eu non fun elixido nunhas eleccións. O meu era un posto de confianza. Outra cousa distinta son os alcaldes, que foron elixidos pola cidadanía e débense á cidadanía. Tamén é certo que moitos alcaldes e concelleiros da nosa forma de pensar tomaron a decisión neste momento de continuar no BNG ata que chegue outro proceso.

-Entón, ¿esperan que os que por agora se quedan acaben sumándose ao novo proxecto?

-Efectivamente. De feito neste partido novo, para dar cabida a esta xente, inventamos, entre comiñas, unha fórmula para que os que non queren dar o paso neste momento poidan estar en contacto con nós pola vía da figura do simpatizante e que no seu momento se vaian incorporando. Nós temos vocación de apertura.

-¿Canta xente calcula que sairá do BNG en Ourense coa decisión tomada por Máis Galiza?

-Calculo que seremos aproximadamente algo menos da metade. Coloquialmente estamos falando de que coa decisión de Máis Galiza, en Ourense vaise medio BNG. Hai que ter en conta que algúns de momento quedarán, pero co tempo esperamos que, unha vez que vexan como funciona, se incorporen, como os que xa marcharon antes. Ademais creemos que hai xente que estaba fora e que pode dar un paso adiante agora.

-Foise Encontro Irmandiño. Agora vaise Máis Galiza. ¿Como espera que se articule a alternativa ao BNG?

-Eu estou totalmente en contra dun fronte dous. Non salgo dunha fronte para meterme noutra. O modelo, que puido ser útil no seu momento, xa non o é, e por iso decidimos marcharnos e crear un partido político de corte clásico. En todo caso esas fórmulas se decidirán en función de como evolucionen os tempos, pero chegado o momento podíase plantexar unha coalición electoral.