«Deixo o BNG porque non se pode defender o que non se cre»

laura u. verín / la voz

OURENSE

Non é o primeiro concelleiro ourensán que abandona o BNG pasada a asemblea nacional na que o partido quedou dividido, mais si será o primeiro da provincia que, ao tempo, deixe a súa acta como edil. Manuel Amado Rolán renunciará ao seu posto como concelleiro do Concello de Laza no pleno previsto para hoxe mesmo. Onte presentou a dimisión e deuse de baixa no Bloque.

-¿Por que tomou esta decisión?

-Principalmente, e como recolle o meu escrito de renuncia, porque non comparto o proxecto político e organizativo do partido ao que represento. Trátase dunha renuncia meditada, que tomei tras a última asemblea nacional do Bloque Nacionalista Galego, na que esperaba que cambiasen as cousas dende dentro, e ao non ser así, decidín presentar a devandita renuncia.

-Pero non se trata só dunha renuncia de militancia nun partido, senón tamén a unha acta de concelleiro, ¿por que decidiu esta medida?

-Cada un pode facer o que considere oportuno sobre esta cuestión, renunciar ou non á acta de concelleiro á hora de abandonar unha formación política, pero eu considero que é o máis ético. E por iso mesmo marcho.

-¿Como foi acollida a noticia entre os compañeiros?

-Tratouse dunha decisión difícil. Isto é como un divorcio despois dun matrimonio de tantos anos; pero non se pode defender o que non se cre, e polo tanto así fíxenllo chegar aos meus compañeiros, que algúns pensan o mesmo ca min e outros non.

-¿E entre os veciños?

-Esta medida non vai impedir que eu siga defendendo os intereses dos veciños de Laza, pero non o farei dende o Concello, senón a través doutros estamentos ou asociacións, xa que non se pode deixar á xente tirada.

-Tras esta renuncia despois de trece anos como concelleiro e preto de vinte no BNG, ¿pensa unirse a outro partido político?

-Non o descarto se ten un proxecto interesante, pero debe ser de corte nacionalista; porque eu sigo sendo nacionalista e morrerei como tal.

-¿Cando será efectiva a renuncia?

-No pleno ordinario que terá lugar mañá [por hoxe] en Laza. O meu lugar como concelleiro será ocupado polo número cinco da lista nacionalista, que corresponde a David Jhon Leadbeater.

Manuel amado rolán concelleiro de laza