Os directores de curtametraxes abriron os encontros sectoriais do OUFF
16 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.As curtametraxes seguen a ser a canle de iniciación para os novos directores, e tamén unha vía de expresión axeitada para os que queren transmitir as súas historias en soporte audiovisual. Para algúns a curtametraxe é á película o que o relato é á novela. Sobre as súas curtas, a financiación das mesmas e outros aspectos vencellados co sector falaron onte no marco do OUFF seis realizadores con traballos a concurso: Alfredo Pardo (Garabolis), Nuno Portugal (O voo da papoila), Juan Manuel Aragón (Je déteste), Martín Fiallega (Tourettes), Ignacio Estarregui (Al quinto!) e Steffen Cornelius Tralles (Listendunde -Cadela-).
As curtas seleccionadas amosan historias moi dispares: Cornelius relata a amizade entre un home e unha cadela, á que ten que abandoar para entrar no cárcere; Estarregui explicou a súa experiencia para rodar con xente sen bagaxe actoral -a muller de 79 anos que protagoniza a súa curta sobre a soedade dos maiores- e para financiarse con bonos; Fiallega explicou a experiencia de Tourettes, a curta rodada con alumos da Farixa e estreada no seu día no Simeón; Aragón incidiu nas posibilidades que ofrece hoxendía internet e as redes sociais para difundir o traballo dos realizadores e dixo que a súa curta máis que unha historia o que buscaba era definir un personaxe; Nuno Portugal presenta un traballo que fai unha lectura da Revolución dos Cravos vista dende a evolución dalgúns protagonistas 30 anos despois e Alfredo Pardo falou de Garabolis, un rapaz que «tenta sobrevivir roubando a moita xente», e da súa aventura audiovisual. Lembrou que a asociación Chantada Films é un proxecto nun entorno rural que facilita a participación de veciños, xunto a actores, e que tenta facer cine dende unha pequena vila do interior de Galicia.
A presidenta do consorcio do OUFF, Isabel Pérez, interesouse no encontro sectorial pola presenza das mulleres na dirección de curtametraxes.