Alberto Rodríguez representa a terceira xeración do Bazar Adolfo
18 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Atractivo da vila
Adolfo Rodríguez Rodríguez e Alberto Rodríguez Álvarez.
O pai cumpriu 75 anos e o fillo conta con 40 anos.
Comerciantes.
Cambiaron moito as cousas dende que a finais da década dos 40 -«alá por 1948 ou xa no 50», apunta Adolfo Rodríguez- o avó de Alberto Rodríguez collera o traspaso do que foi o comezo do actual Bazar Adolfo, na Barreira de Allariz. O establecemento orixinario, lembra o pai, estaba «na Praza de Abaixo e o que se vendía daquela -falamos de mediados do pasado século- eran zapatillas de esparto, aquelas de goma de La Cadena, a cerámica e os pratos de Talavera, louza e moitas outras cousas. Era una tenda familiar, pequena, e vendíase pouco porque eran os tempos que eran. Os días de feira poñíanse por alí os postos e viña mercar moita xente dos pobos».
Adolfo Rodríguez entrou no negocio familiar en 1960 e estivo vencellado ao mesmo ata 1997, data en que se fixo cargo do mesmo o seu fillo Alberto. Este, actualmente xunto á súa muller Eva Beltrán e dous empregados, asumiu o reto de remodelar e potenciar a empresa familiar e nas actuais instalaciones da rúa da Barreira conviven o bazar e a sección centrada na liña de electrodomésticos e electrónica. Os tempos mudaron e así como antes «vendíaselle moito á xente que estaba emigrada no País Vasco, Cataluña e Madrid, ademais dos veciños que estaban na emigración en Suiza e noutros países», como apunta o pai, agora «hai un importante movemento e demanda de xente que conta aquí cunha segunda residencia, as familias que se veñen vivir para Allariz polo gran atractivo que ten, os emigrantes e os turistas», segundo recoñece Alberto.
O responsable de Bazar Adolfo recoñece que Allariz converteuse nun destino turístico preferente e a ampla actividade que se desenvolve na actualidade na vila «dálle moita vida ao pobo e, obviamente, aos negocios, No noso caso ademais axuda contar cunha ubicación privilexiada como é a da Barreira». Alberto Rodríguez asegura que sempre tivo claro que o seu era continuar co negocio familiar «e cando fixen a carreira dubidaba entre Empresariais e Relacións Laborais. Ao final estudiei Relacións Laborais en Vigo porque era o que mellor se axeitaba ao que eu quería para o negocio familiar». O seu pai recoñece que a nova etapa de Bazar Adolfo éncheo de satisfacción e que o relevo xeracional é unha realidade da que se sinte orgulloso: «cando pasas tantos anos nun negocio cólleslle certo cariño ao mesmo e aos clienets porque son amigos e veciños. Que agora o leven meu fillo e a miña nora é unha ledicia, senón fose así, se non se producise ese relevo xeracional, para min sería unha contrariedade e sentiríao moito».
Baixo a dirección de Alberto Rodríguez Álvarez o Bazar Adolfo apostou pola incorporación dunha nova liña de traballo «na que ampliamos a oferta do bazar coa sección de electrodomésticos e agora queremos ir a unha liña de bazar propia para potenciar a oferta e o servizo aos clientes de Allariz».