Combate nabal a grelo limpo

Xosé Lois Carreira

OURENSE

01 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un bo amigo chamado Amador non deixa de lembrarme o poderoso potencial arqueolóxico que esmorece nas superficiais catacumbas de Xinzo, apenas trinta centímetros por baixo do chan. A última chamada fixéronlla os arqueólogos da Xunta na finca da Casa Reitoral da Igrexa Vella, fai unha semana. Tralas catas realizadas fai menos de quince días voltaron a saír a luz clamorosos asentos de fábrica, muros de máis de medio metro de espesor e milleiros de tégulas que falan dunha complexa arquitectura romana máis propia dunha mansio nobiliárquica que dunha mera construción accidental sen máis interese, e co engadido tamén do achado de restos de fina vidrería doméstica, vasos que por aqueles primeiros séculos despois de Cristo poucos podían permitir o luxo de ofrecer ós seus convidados, a non ser patricios ou cargos consulares ou gobernamentais. Así as cousas, e lonxe de pensar que algún día Xinzo poida ordenar, amosar, divulgar e amortizar este potencial , máis ben semella que todo este legado patrimonial e arqueolóxico está condenado a podrecer tralas preceptivas catas arqueolóxicas sen máis, fotos e expedientes, nos centos de caixas embaladas no Museo Arqueolóxico de Ourense, vendo como no canto de que toda esta riqueza propia, tamén económica e de fomento do emprego, poida ser divulgada e posta a funcionar de xeito produtivo nun contedor cultural rehabilitado para tal fin no Barrio de Abaixo, tódolos días volta a soterrarse un anaco de nós. Semella que sendo todo o esforzo inversor da área de cultura do Concello de Xinzo o carnaval de verán e o fantasmagórico porto náutico dun río Limia que agoniza sen caudal ecolóxico debido ó rigor estival e tamén á negativa do PP ós plans de regadíos na comarca, desvirtuando notablemente tanto a propia declaración de interese turístico nacional do Entroido como o espazo temporal da Festa do Esquecemento, pouco hai que engadir das capacidades do novo alcalde, carnaval de verán no porto náutico, combate nabal a grelo limpo.