«Non me sinto poderoso neste posto»

La Voz

OURENSE

23 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O alcalde de Vilardevós quere facer unha residencia para a terceira idade, unha gardería e unha gasolineira para non ir repostar a Verín.

-¿De que vive Vilardevós?

-Do que fai a xente. Patatas, poucas, gandeiría hai tres vecinos con vacas. O resto traballa en Verín e os maiores están cobrando todos. A agricultura aquí non da nada. Hai unha fábrica de mobles de cociña que leva varios anos en servizo e chegou a ter 60 empregados, agora anda pola metade.

-¿Que lles representa Verín?

-Dependemos de Verín para todo e o peor é que hai onde mercar en Vilardevós e a xente vai facelo a Verín.

-¿Como andan de tendas?

-Hai dous supermercados, dúas carnicerías e nada máis.

-E bares...

-Cinco e todos teñen xente.

-¿Que pensa do poder, Manuel?

-Como traballador da construción vivía tranquilo. Aínda así metinme na política porque ves que as cousas fanse mal e non che empeza a gustar. Non me sinto poderoso neste posto, son un veciño máis. Ese poder non me atrae. Vivo da miña empresa.

-¿Irá de vacacións este verán?

-Non terei porque acabo de comezar coa alcaldía.

-Un descansiño haberá...

-Se cadra algún fin de semana.

-¿En que usa o tempo libre?

-En ir á caza do coello. Non fago deporte, xa o fixen de mozo.