O conselleiro Roberto Varela salienta o compromiso de Losada Diéguez na entrega dos premios celebrada en Moldes
19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, salientou onte no pazo de Moldes (Boborás) o compromiso de Losada Diéguez con Galicia e co galego e destacou o traballo que veñen desenvolvendo os concellos de Boborás e O Carballiño, xunto coa Deputación de Ourense, dende hai 26 anos coa convocatoria do premio que leva o seu nome e que supón «unha acaída homenaxe á loita de Antón Losada Diéguez en prol da nosa lingua».
Roberto Varela participou onte en Moldes na entrega dos premios Losada Diéguez a Xulia Alonso, que gañou no apartado de creación literaria por Futuro imperfecto, e a Francisco Calo Lourido, distinguido no capítulo de investigación por Os Celtas. Unha revisión dende Galicia, e aproveitou a súa intervención na entrega dos galardóns para recoñecer o traballo dos promotores «duns premios que dende hai 26 anos veñen rendindo unha merecida homenaxe a un dos persoeiros centrais na historia do galeguismo». O conselleiro incidiu no feito de que uns galardóns que levan superado o cuarto de século «son un obrigado referente para as nosas letras no eido da creación e da investigación» e lembrou que Losada desexaba «que o noso idioma fose instrumento de comunicación cotiá, máis tamén cría na necesidade de que o galego se convertera en vehículo literario, científico e identitario».
Convenio de colaboración
O conselleiro e o presidente da fundación, Cipriano Caamaño, asinaron un convenio polo cal Cultura fai unha achega de 9.000 euros para desenvolver actividades para espallar a memoria e a obra de Losada Diéguez.