Hai pouco máis de medio século houbo un triunvirato, formado por dous galegos e un portugués, que protagonizou unha das xestas máis emblemáticas e mediáticas da loita contra as dictaduras fascistas. O 20 de xaneiro de 1961 o barco Santa María parte do porto de La Guaira, en Caracas, con 650 pasaxeiros e 350 tripulantes a bordo. Dous días despois, e cando faltaban quince minutos para as dúas da madrugada, materializase a Operación Dulcinea: un comando armado e formado por 24 militantes do Dril -Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación- e dirixido polos galegos Pepe Velo e o comandante Soutomaior máis o portugués Henrique Galvâo secuestra o barco portugués na que se coñece como a primeira acción armada no exilio contra as dictaduras de Franco e Salazar.
O Dril cambia de nome ao Santa María, que pasa a denominarse Santa Liberdade, e ata o 3 de febreiro de 1961, data en que se entrega o barco ás autoridades brasileiras logo de conceder Brasil permiso ao Santa Liberdade para entrar nas súas augas e acceder á condición de exiliados políticos aos membros do Dril, o secuestro do Santa María converteuse nun auténtico fenómeno mediático: primeiro foi a BBC, o 24 de xaneiro, e a partir de aí os principais medios internacionais diron cobertura á xesta dos loitadores contra as dictaduras da península.
Da xesta do comandante Soutomaior (José Fernández Vázquez, natural da Pobra do Caramiñal), de Pepe Velo (o celanovés Xosé Velo Mosquera) e de Henrique Galvâo dá conta a exposición O Meu Pai, o exiliado. 50º Aniversario do Secuestro do Santa María polo Dril, que se pode visitar actualmente na Fundación Curros Enríquez, de Celanova, e que se artella en base ás fotografías de Federico Fernández (fillo do comandante Soutomaior), de xornais e revistas da época procedentes de todo o mundo e de publicacións sobre o secuestro -tanto traballos de investigación como os libros que recollen as memorias dos protagonistas-.