Pero, ¿van a pagar os de sempre?

José Pérez Domínguez

OURENSE

Estamos en tempos de crise económica e de moitas máis crises, que son as causantes da primeira. Temos que apertarnos o cinto, sendo conscientes de que á España témola que a erguer entre todos. Pero de xeito xusto e equilibrado. O que menos ten, o que está no paro, o que quedou na rúa por mor de hipotecas que con alegría lle ofreceron, estes son os que menos poden pagar: están a sufrir as inclemencias da crise na súa propia carne.

Os que máis deben desembolsar son aqueles que non ven a crise por ningures. E dicir: os señores deputados e senadores, os señores presidentes autonómicos e os membros dos seus parlamentos, os señores presidentes das deputacións españolas e os seus deputados, os señores alcaldes e os seus concelleiros, os señores directores da banca e os seus asesores, os presidentes das empresas públicas e privadas con tódolos seus conselleiros, os señores funcionarios dende as escalas máis altas ata as máis baixas, as profesións liberais. Metan ben aí o angazo e sen medo. ¡Que noten que estamos en crise para que saiban administrar mellor! Cambien os proxectos de xubilación confeccionados para as vacas gordas por proxectos de xubilación para as vacas fracas.

Pero, por Deus, non lle saquen a axuda ós parados, non mingúen as pensións dos anciáns, non lle saquen as subvencións ás institucións de beneficencia. Miren, esta xente non ten sindicatos; ten que agachar a cabeza e chorar, se lle quedan bágoas, por non poder levar ás súas casas o pan dos seus fillos. ¡Non poden pagar os de sempre! Venturoso aninovo para todos e que cambien os planeamentos sociais.