O pasado venres día 10 foi un día especial para a Limia, para a súa capitalidade por extensión e, nomeadamente, para o término municipal de Morgade. Xosé Manuel Cid, Catedrático pola Facultade de Ciencias da Educación e actual Vicedecano de Educación Social en Ourense, presentaba o seu último libro arroupado por numerosos amigos, entre eles Xosé Lois O Carrabouxo , o tamén profesor universitario Xabier Blanco, boa parte da sociedade e da cultura limiá e por suposto toda a veciñanza de Morgade que ademais do gran interese pola súa recente obra deixou claro o profundo cariño, respecto e admiración que ten pola figura do seu mestre Xosé Manuel.
Lonxe dos potentes focos de auditorios, liceos, contedores bibliográficos ou grandes foros culturais o mestre de Morgade presentou a obra Educación e Ideoloxía en Ourense na II República no seu pobo natal dignificando un mundo rural cada vez máis en grave desleixo e certificando que é posíbel encher de contido e esperanza de vida esa extensa rede de centros sociais que dun tempo a esta parte ten florecido por todo o concello de Xinzo con máis ou menos fortuna de localización e actividade, e no mellor dos casos unicamente destinados ó culto dos defuntos.
Neste contexto revisionista do propio futuro do mundo rural foi presentada unha minuciosa compilación dos preto de 300 mestres que foron represaliados pola barbarie totalitaria franquista en Ourense, pagando co desterro, a forzosa renuncia á profesión ou mesmo co alto prezo da propia vida, simplemente polo feito de ter sido ensinantes na II República e xa daquela estar a vangarda da renovación educativa.
En verbas do bo amigo Miro, o mestre de Morgade impediu que foran asasinados unha segunda vez na memoria contemporánea nun día no que tamén celebramos un premio nobel chinés da paz na cadea e a presidenta da Unesco reivindicando en Compostela o dereito das vítimas a acomodarse para sempre na nosa memoria e dignidade colectiva.