As catro caras da crise

José Pérez Domínguez

OURENSE

O Goberno de España fai xa un par de anos que aceptou que estamos metidos de cheo na crise. Pero non sabe como saír dela. Pensou nunha reforma laboral, que levará consigo reaxustes económicos, salarios diminuídos, pensións estancadas, orzamentos á baixa, ós de máis ingresos maior gravación fiscal. Cada goberno autonómico e municipal, consecuentemente, ten que facer o mesmo. O resultado segue sen verse, os catro millóns de parados desesperan e os seus subsidios están a esgotarse...

Os sindicatos veñen de convocar unha folga xeral en contra da reforma laboral do Goberno, que, segundo din, vai en prol da recuperación económica e en prol da creación de postos de traballo, sobre todo para a mocidade. ¿Quen entende isto? Os sindicatos quedaron fora de xogo, sempre xunguidos ó carro da «mamurria» do Goberno, e agora tentaron xustificar ca folga xeral a súa longa conivencia e complicidade. Por outra banda, se votamos unha ollada ó redor, vendo o comportamento das nosas xentes en plena crise , non saímos do atordamento: as terrazas dos bares atestadas de xente, os vehículos circulando a toda pastilla polas estradas e autovías, as prazas hoteleiras roldando o cheo, os almacéns ateigados de xente... ¿Onde está a crise? Pero realidade, triste ela, é que os comedores de Cáritas teñen cada día máis convidados; familias enteiras van alí a facer unha comida quente; non hai cartos para pan, para luz, auga ou para alugamentos. Do 2008 ó 2009 en Galicia pasaron de 400 a 800 mil persoas que acudiron ós centros de atención social. A xenerosidade da xente e das institucións segue a ser fundamental.