«Preocúpanos o que poida supor para a nosa saúde, ao caer partículas nos nosos cultivos»

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO/LA VOZ.

OURENSE

O pedáneo de Vilanova, Manuel Álvarez, é unha das persoas que está detrás da campaña de recollida de firmas iniciada por un grupo de veciños do pobo e que xa leva sumadas máis de 1.000 en toda a vila. -¿Por que están en contra? -Non estamos en contra de que fagan un crematorio, pero si da ubicación. Cremos que hai outros puntos onde poñelo sen ser aí, no medio de dúas montañas que van impedir que os gases que saían pola cheminea se poidan esparexer. As presións que hai entre as montañas van facer que as partículas deses gases caian directamente sobre os nosos cultivos. -¿E que vai supor iso? -Preocúpanos o que poida supor para a nosa saúde, para a nosa e para calquera que coma os produtos que se cultivan nas nosas fincas e viñedos. Porque ao final o que haxa nesas partículas dos gases que caerán ao chan, son elementos que vamos ir inxerindo pouco a pouco. E xa hai problemas de saúde abondo sen ilos buscar. -¿Qué elementos son? -É imposible eliminar todas as partículas, por exemplo, o mercurio dos empastes. Todo o que sae é gas, que é fume que sae pola cheminea. ¿E temos garantías do 100% de que non sexa nocivo? Non. E por iso estamos en contra de telo aí, sobre as nosas terras. -Mil firmas suman unha boa cifra. ¿Pódese dicir que hai un rexeitamento unánime? -Eu súmome ao que queira a maioría, e a maioría da xente está en contra, aínda que tamén hai outra que non di nada e outra que estar a favor, claro. -¿Xa fixeron notar esta preocupación no Concello? -Eu teño boa relación co alcalde [Alfredo García], pero deste tema non fun informado directamente, nin por el nin por o conselleiro de Medio Rural [Luis Arias]. De feito soubémolo porque un veciño o leu no periódico; e desde aquela quixemos ter información sobre o que ía ser e o que foi supoñer para nós. E eu creo que teño que estar ao lado dos veciños. Pero por suposto que falarei do tema co alcalde, porque vamos presentarlle as firmas. -Con quen si falaron foi co Partido Popular. -Eu non estiven nesa reunión, pero polo que me contaron os que foron; tampouco notaron moita disposición a recoller información sobre o tema. -¿Cal é o seu obxectivo? -Presentaremos alegacións para tratar de que non se poña o crematorio. E se finalmente consigue todos os permisos e se vai facer, que se faga coas máximas garantías.