«Síntome estafado ao gañar un concurso de blogs»

Jesús Manuel García OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

Dorrío anda en xuízos porque meses despois de gañar un certame déronlle as precarias condicións do premio

25 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Antón ten claro que foi obxecto dunha estafa por Telefónica ao dicirlle, meses despois, que o premio dun concurso de blogs que gañou era de tres meses e por 400 euros ao mes.

-¿Que é o que pasou?

-Pois que fai catro anos Terra Networks convocou un concurso de blogs ofrecendo un contrato de traballo á persoa que ganase ao ter máis visitas. Eu mandeilles un correo para que me detallaran as condicións dese contrato en caso de gañar. Nunca contestaron.

-¿Que ofertaban?

-Formar parte da plantilla de blogueiros da empresa convocante, empresa que durante o concurso foi absorbida por Telefónica e esta, polo que se ve, tiña outras ideas.

-E vostede gañou

-Pois si porque o meu blog foi o que máis visitas obtivo. Era un concurso de posicionamento. Eu sabía facer moi ben iso de buscar visitas e como teño moito tempo libre, dediqueime a elo e gañei o concurso.

-Unha vez que gaña, ¿que aconteceu?

-O concurso acabou un 10 de xullo e en todo o verán non recibín nin unha sola chamada nin un só correo electrónico. Á volta do verán mandei correos ás direccións que tiña da convocatoria do concurso e despois de moito insistir respostaron logo de tres meses e dixéronme que o premio era un contrato mercantil polo que como moito gañaría 400 euros máis IVE e tiña que pagar como autónomo, luz e todo eu. E por riba era un contrato de tres meses.

-¿Que fixo vostede?

-Fun a Consumo pero Telefónica nunca se presentou. Dábame a razón pero non ten xurisdición de emprego. Fun ao Xulgado do Social número 2 de Ourense. A Audiencia anulou a decisión.

-¿Que pasou alí?

-No primeiro xuízo Telefónica non se presentou. A xuíza aprazou o xuízo para setembro. A empresa si se presentou entón e pediu a incompetencia do tribunal dicindo que non lle correspondía xulgar iso. Non aporta proba algunha. A xuíza sentencia dándolle a razón á empresa a pesares de ter o informe do fiscal dicíndolle que ela é competente para xulgar este caso. Pero ela dixo que non. Tardou en sentenciar catro meses cando o Ministerio Fiscal respostou en catro días.

-Cal foi o seguinte paso?

-Fun ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou a sentenza da xuíza e obrígaa a celebrar o xuízo. Isto foi en febreiro pasado e á espera estou de que isto sexa así

-Despois de este percorrido xudicial, ¿como se sente?

-Estafado. Eu agora estou no paro e podía estar traballando en Telefónica desde hai catro anos cun contrato fixo e remunerado. De estar no paro a estar traballando alá hai diferenza.