Ferragosto adiantado

OURENSE

Ourense arde no seu particular «ferragosto», cos termómetros virando cara ao manicomonio por demencia de temperatura e os cidadáns a remollo neses caldeiros grandes de auga chamados piscinas e baixo ese xirasol que deixa caer líquido sobre os que se poñen debaixo. Como se os ourensáns fosen os protagonistas da multipremiada «Vacacións de ferragosto», dirixida e protagonizada por Gianni Di Gregorio, na cidade vívese esa particular festividade italiana do 15 de agosto, aínda que máis adiantada, e as sombras e terrazas son o anceiado botín dos que sofren esta calor abafante que remata por deixar as rúas desertas ata que comeza a baixar o sol e converte á cidade nun espazo desértico só atravesado por unha sorte de valentes, por obligación ou devoción, que loitan contra a hipotermia e a razón.

Como na película, os ourensáns loitan contra a crise económica, o paro e as iniciativas que matan o traballo con nomes que soan a insulto e a formulismo legal que é sinónimo de malas novas -ERE, rescisión de contratos, recorte horario, rebaixa salarial, reforma laboral- e comentan as novas máis choqueiras: seica que hai uns que din que o máis importante para debuxar o noso futuro pasa por definirnos como «Nazón de Breogán» e que o tempo lle segue a dar a razón a ese anacronismo político que un día sentenciou que os fillos dos cargos do PP son máis listos que o resto dos mortais, por iso aproban as oposicións case sen presentarse aos exames.

No noso particular «ferragosto» tamén folgamos. Os ourensáns papan quilómetros para remollarse nas praias galegas e os devotos da cofraría gastronómica xa comezaron esa singular romaría marcada polo disfrute dos sentidos. As festas do pan de Cea e do viño do Ribeiro xa son historia, e a partir de agora virá o pemento, a anguía, o polbo, a empanada e todo aquilo que se pola beber ou rillar. Verán ourensán en estado puro.