O teatro afeccionado invade A Rúa

Cristina de la Torre O BARCO/LA VOZ.

OURENSE

Durante toda a fin de semana grupos amateur de Valdeorras e Viana actuaron polas rúas e no Centro Cultural Avenida, destacando polo seu humor e espontaneidade

20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Non sei se os valdeorreses somos trouleiros, pero algo ten que haber». Moncho Díaz, presidente da Asociación Cultural A Ruada, responde así cando se lle pregunta pola cantidade de grupos de teatro afeccionado que hai en Valdeorras, algúns dos cales pasarán esta fin de semana polas primeiras Xornadas de Teatro que se organizan na Rúa. «Nós mesmos non sabiamos da existencia de moitos deles, por exemplo dun grupo de Larouco, e esperamos poder incorporalos o próximo ano», explica Díaz. Pois terán que ampliar datas porque con menos grupos o cartel desta primeira edición xa está bastante completo con Gargallada do Barco, Pisabarros de Veigamuiños e Candea de Viana.

As xornadas comezaron o venres cunha representación no Centro Cultural Avenida onde se encheron as máis de trescentas butacas para ver como A Ruada se defendía no escenario co texto de Castelao Os vellos non deben de namorarse. «Saíu moi ben e ó final da obra alguén comentou que se notaba que nos divertiamos sobre o escenario». Quen conta isto é Carmen, unha das actrices afeccionadas, e que un día despois vístese con capa e cornos, para actuar no medio dunha praza, cun público expectante que se mantiña á distancia prudencial á que obrigaba o sol do mediodía, e que escoitaba máis ben pouco.

As actuacións por diferentes barrios é unha das actividades máis chamativas do programa, xa que permite ós actores achegarse ó público e improvisar con humor e espontaneidade. Onte sábado comezaron a mañá interpretando a viva voz no barrio da Lastra, para despois coller os seus bártulos e instalarse na Praza do Concello. Alí, mentres decidían cal era o lugar adecuado para evitar o ruído do tráfico e conseguir un pouco de sombra, repartían papeis e aclaraban ideas. «Pregúntalle a San Pedro» era a resposta de Maribel, unha das actrices, ante a pregunta dun compañeiro. E non o dicía con sorna, senón de maneira literal, xa que para ela, onte e xa durante o resto da fin de semana, Tito, tamén actor do grupo, non é Tito, senón o San Pedro que ía xulgar no ceo a dúas nenas repelentes por non usar o galego. Ese é o tema da Comedia Bífida, un texto de Manuel Núñez Singala, que hoxe as 11.30 horas representarán de novo, desta vez na Praza de César Conti. Despois diso haberá dobre sesión no Avenida, as 19.00 horas coa Asociación Morea do Barco e o grupo infantil do Manuel Respino da Rúa, e as 21.00 horas con Candea de Viana e a Escola de Música Abertal para pechar esta fin de semana de teatro e troula.