Un roteiro poético percorrerá esta tarde o centro da capital

La Voz OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

A capital ourensán adiantase á celebración o próximo luns, 17 de maio, do Día das Letras Galegas. Un roteiro literario será o protagonista dos actos que comezan esta tarde no Centro Social de A Esmorga. Alí, alumnos do IES 12 de Outubro e do IES Otero Pedraio lerán diferentes textos poéticos para iniciar unha marcha que seguirá a partires das 19.30 horas na praza de San Martiño. A tradición mestúrase neste punto coa modernidade da man do grupo experimental Mau Vizinhos que presenta un espectáculo de poesía electrónica.

As nove da noite no Café Cultural Auriense o protagonista será o filólogo limiao Xabier Xil Xardón, que ofrecerá un recital poético. A comitiva chegará ás 22.30 horas ao Trampitán onde se sumará á festa a poetisa Belem Grandal Pazos, con dous poemas adicados a Uxío Novoneyra e a Rosalía de Castro. Na praza de San Marcial a festa finaliza coa presenza da poetisa Iolanda Castaño e cun concerto dos ourensáns Ergom, que presentan novo disco

A festa das letras chegará tamén mañá ata Seixalbo. A partires das 15.00 horas celebrarase unha feira de segunda man coa que se pretende recupera a antiga costume do troco, aínda que tamén estará permitida a venta.

As diferentes asociacións participantes prepararon unha exposición sobre todos os homenaxeados ao longo dos 47 anos do Día das Letras Galegas. Unha mostra que estará nas rúas antigas do pobo. Ao longo da tarde haberá tamén unha serie de lecturas dramatizadas de poemas de Novoneyra coa xente do pobo. Haberá musica a cargo dun grupo que se reúne 30 anos despois da súa desaparición, Así canta o nosos pobo, que estará acompañado do tenor Baldomero Pavón. A festa terminará en Seixalbo cun espectáculo audiovisual no que se verán vídeos de seixalbeses do exterior que contarán que é o que significa o pobo para eles.