O cuco da Limia

Xosé Lois Carreira

OURENSE

Chegou xa fai un par de semanas confirmando o refrán: «Se en abril o cuco non vir, ou o cuquiño é morto ou a fin quere vir». Ouvir o seu son é constatar a privilexiada riqueza ornitolóxica da nosa terra, hoxe baixo protección da Rede Natura 2000 ante o pasmo xeneralizado do sector agrogandeiro que olla desde a ruinosa campaña 2009-2010, como neste país os espazos naturais protexidos como cabo Touriñán son desprotexidos para o aproveitamento industrial privado mentres comarcas agrícolas punteiras como A Limia, declarada en outubro de 2007 Zona de Especial Interese Agrario e pendente de importantes infraestruturas públicas de regadío, é decretada como espazo natural protexido. Iso si, poderanse construír almacéns para agochar a esquizofrenia e irracionalidade popular que nos goberna. Maila todo, finalmente o cuco chegou, alleo a todo este lío máis partidista que do sentido común, para lembrarnos tamén a súa banda máis escura: a dunha ave parásita que pon o ovo no niño doutra especie. Os ovos son semellantes aos do hóspede e o novo cuquiño romperá a casca para matar ós seus medios irmáns e facerse dono indiscutible do niño. É tan voraz que ata imitará o son dunha rolada enteira piando alimento, polo que os pais, normalmente de especies máis pequenas, apurarán ao máximo a tarefa de criar a este insaciable xigante como propio. Este comportamento lévao impreso no ADN, o mesmo que na política conservadora da comarca da Limia a ambición de proclamase líder indiscutible fai esquecer o senso democrático do ánimo da militancia.