A presidenta de Adega cre que se o parque eólico para o Rodicio perxudica ao lobo debe buscarse unha alternativa
10 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Dende hai uns meses, concretamente dende o mes de novembro do pasado ano, a Virxinia Rodríguez correspóndelle a responsabilidade de presidir a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega. Bióloga e profesora de instituto en Padrón, esta ourensana adoita a «desconectar» as fins de semana na súa casa de Vilariño Frío (Montederramo).
-Cando os seus compañeiros a elexiron presidenta vostede incidía na necesidade de promover políticas a favor do rural.
-Falamos sempre da paisaxe galega e dos valores naturais e se existen é porque houbo un poboamento no rural e unha xente, os nosos antergos, que estivo aí vivindo e cultivando as terras, aproveitando o monte e todo o que da a natureza. Nós defendemos políticas activas encamiñadas a fixación de poboación no rural. Iniciativas como o Banco de Terras ou as Uxfor parecíannos unha boa cousa e ao mellor por aí habería que seguir.
-Grupos ecoloxistas denunciaron recentemente o proxecto de Iberdola para o Alto do Rodicio ¿comparten o rexeitamento?
-Nós non fixemos prantexamento neste senso e eu persoalmente non o coñezo por iso non podo valoralo. Nós non estamos en contra dos parques eólicos, porque é unha enerxía limpa, aínda que tamén mantemos que non valen todas as ubicacións. Entendemos que se pode ser negativo para unha especie en recesión, como é o lobo ibérico, entón habería que buscar outra ubicación.
-¿Como valora os proxectos do Canon do Sil?
-Hai demasiados aproveitamentos e está saturado, e máis se temos en conta que hai 14 aproveitamentos pendentes, tanto de novas concesións como de returbinacións. Ademais dáse o paradoxo da picaresca das empresas, como o de Iberdrola co bombeo de auga a un lago, mediante enerxía nuclear e barata, e logo a produción dende ese lago, como enerxía limpa, ou sexa que a compra a 40 e a vende a 90 euros. É un escándalo que non sei como Medio Ambiente o permite.
-Tamén hai queixas en Lugo e Ourense polos perxuizos turísticos.
-Os perxuizos dos proxectos do Canón do Sil van ser moitos máis do que se pensa. Vai haber un descenso de caudal de uns 30 ou 40 metros e non é xa os problemas que vai causar nas rotas do catamarán é que vai haber un deterioro paisaxístico máis que evidente e iso vai repercutir no turismo e en toda a actividade da zona.
-¿Poderanse atallar algúns destes aproveitamentos?
-Estamos á expectativa para ver que pasa co goberno. Co bipartito díronse algúns pasos como a moratoria das minicentrais, mais non temos moitas esperanzas porque o actual conselleiro era na época das concesións o responsable de Augas de Galicia.