Méndez Ferrín abraza o galeguismo «made in Baltar»

OURENSE

09 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín confesouse emocionado coa súa primeira visita institucional trala súa elección como presidente da Real Academia Galega (RAG) á Deputación ourensá. «Todo se agolpa na miña mente e fai que me conmova», dixo Méndez Ferrín, que relatou o seu nacemento nun dos edificios fronte o Pazo Provincial, os seus traballos na biblioteca provincial o os seus paseos pola zona nunha bicicleta mercada en Da Cunha. Por todo iso dixo sentirse moi satisfeito de que a primeira visita da nova executiva da RAG fose a Ourense e a Deputación ourensá porque, segundo afirmou, esta institución «ten unha longuísima tradición que se perde nas súas orixes de protección e de axuda á cultura».

Méndez Ferrín declarouse un «vello amigo» de José Luis Baltar e este púxose á súa disposición para seguir colaborando coa Real Academia Galega. O presidente da Deputación correspondeulle ademais celebrando o seu nomeamento como presidente da RAG. «Eu non tiña voto pero foi un candidato ao que ofrecín o meu apoio desde o primeiro momento porque me parece, como ourensán e como galego, que a Real Academia Galega fixo a mellor elección que se podía facer», dixo.

Baltar, que reivindicou a defensa do galego que a Deputación ourensá fai coa distintas publicacións que patrocina nesta lingua e ofreceuse a firmar un convenio coa RAG para colaborar no sostemento económico da entidade. «Sentímonos obrigados a poñer o noso grao de area», explicou o presidente da institución provincial. O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, revelou entón que nunha conversación previa ao encontro, Méndez Ferrín díxolle que non era o día para pedir cartos. «Aforroume unha viaxe a Ourense», bromeou.

Apoia a candidatura dos Nobel

Tan cordial foi a reunión que José Luis Baltar deu o seu apoio a candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín para o premio Nobel de literatura. A institución provincial xa mostrara o seu respaldo a esta distinción con acordos unánimes da súa corporación e o seu presidente anunciou que a Deputación volvería a respaldar ao escritor nese obxectivo «por ourensán e porque o merece», dixo Baltar. Méndez Ferrín, pola súa parte, agradeceu a axuda brindada pola institución provincial.