A historia das vilas non a escriben os lustrados e lustrosos, é cousa das persoas comúns fixadas na memoria dos veciños pola súa maneira de ser e a súa bonhomía. Arturo Bravo Álvarez era boa xente. Dos que desde cativo non coñeceu outra cousa que traballar, ser amigo dos amigos, xeneroso, desprendido e amante dos seus ós que sempre imaxinou unha peña na que non collía outra cousa que o ben estar e o bo sentir. Con Arturo, aparte de irse o padriño do meu fillo Álvaro, primo do meu sogro, como un segundo pai para a miña muller Lola, foise tamén un home que formou parte da pequena crónica do Carballiño, a que se fai con letra cativa pero coa escrita grande do latexar diario. Cando se repasa a memoria gráfica da vila nos anos sesenta, aparece Arturo no seu espectacular Rubí vermello e negro participando con algún amigo no primeiro rally do Lacón. Tamén nos albores do C.D. Arenteiro, nas charangas e rondallas e outras farras. Foi quen de manter a nobre tradición, tan de aquí e tan a preservar, de compartir vasos cos amigos, ata o mesmo intre de enfermar. Arturo tiña en Arcos o seu particular retiro ó que alcumou A Moncloa e na que sempre había unha mesa para compartir, sobre todo cando o 15 de agosto, cumpría anos. A súa dona Susa, os seus fillos Chus, Juan Arturo e Bea, o seu xenro Darío, a súa nora Teresa, os seus cinco netos, chórano malia saber que sempre estará na lembranza de cantos tivemos o privilexio de compartir tempo, xenerosidade e bo humor na súa compaña. Con Arturo vaise un cachiño da vila popular, a da boa xente do Carballiño. Sempre dixo que cando faltara non quería bágoas, simplemente quitade o tapón dun bo ribeiro e brindade por min. Iso faremos. Andará polas corredoiras do Alén ó manexo do seu Rubí? Boa travesía, Arturo. Miguel Anxo Fernández.