Comentoume un amigo de Eduardo Blanco Amor o desacougo que sufría o escritor por considerar que, en vida, non se lle daba o recoñecemento que segundo el merecía. Incertidume que acompaña a todo creador ao longo da súa vida. Os triunfos e premios acadados, condicionados por modas e outros avatares, non garanten que a obra perviva. Menos, aínda, que co paso do tempo chegue ter un recoñecemento cada vez maior, trascendendo a propia cultura para alcanzar ese recoñecemento de valor universal reservado para moi poucos escollidos. E entre eles está EBA.
Supoño que para sorpresa de moitos dos que o minusvaloraron no intelectual, e rexeitaron no humano. Para alegría, como non, daqueles que o aceptaron como foi e albiscaron dende un primeiro momento, sen oportunismo intelectual e/ou mediático, a importancia que para a cultura galega supuña a obra de Blanco Amor. Unha obra moderna, nas que todo protagonismo recae nas clases populares. Rachando moldes e tópicos, que tamén os había, e hai, na nosa cultura. Contribuíndo a modernizala, sen deixar de ser un clásico.