Tempo de esperanza

José Pérez Domínguez

OURENSE

A humanidade enteira segue a esperar. A ONU quere a paz en Afganistán, sen lembrarse de que a URSS daqueles tempos, tivo que recuar, deixando mozos e armas tirados polos riscos e covachas das serras. Estamos noutra cultura, noutra teoloxía e noutro tempo. España quere por orde no Índico cun método tan rexeitado por todos como o de Guantánamo: traer ós terroristas para aos nosos cárceres. Galicia quere ver o AVE entrando por Ourense e, de ser posible, soterrado. Todo está aprobado, ata polo Ministerio de Fomento; pero, ¿u-los cartos? Para os anos vinte poderémolo estrear nunha viaxe a Madrid. Ourense espera ver cumpridas as promesas da Xunta da repoboación do interior; de persoas, non de xabarís, lobos ou corzos. Pero o interior fúndese na miseria. E todos desexamos a recuperación económica. Coma sempre son os máis pobres os que pagan os desatinos dos máis ricos. ¡Canta esperanza frustrada!. ¡Canta desilusión neste noso mundo!.

E, no medio de todo iso, a Igrexa proclama que Cristo é o único Salvador do mundo, o Mesías esperado. El, polos vieiros do amor, tráenos a paz e a ben querencia ós humanos. «Erguede as cabezas; mirade que xa está para chegar; preparádelle un camiño de xustiza, de solidariedade, de perdón», grítannos os profetas. En Ourense acenderanse as luces do Nadal; os comercios ofertarannos ricos presentes; as igrexas inaugurarán os beléns; recordaremos algunha panxoliña. ¡Que neste ano Deus non pase de largo!.