«Imaxes para a lembranza» recolle en fotografías a historia de Xinzo, a súa xente, festas e patrimonio entre 1898 e 1976
09 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Recordos dun pasado que a vila non soubo ou non quixo conservar. Rúas e vivendas de pedra que hoxe érguense con corpo de formigón e sen respectar un criterio mínimo de urbanismo. Reminiscencias que, sen dúbida, axudan a mirar o pasado rural de Xinzo a través do romanticismo que aportan as fotografías pretéritas. Imaxes que ao ser en branco e negro e positivadas sobre o sal de prata do papel utilizado polos artesáns deste oficio, axudan a abrir o corazón dos que o viviron en primeira persoa, ou pola contra, os que o escoitamos dos nosos maiores mentres sostíñamos coas mans esas imaxes que se asemellaban máis ás estampas que ao revelado que hoxe coñecemos en formato dixital e cun tamaño de 10x15.
Imaxes para a lembranza segmenta o seu contido en sete capítulos: lingua materna, rincóns esquecidos, a xente que fomos, os cromos da memoria, as angueiras de antano, as festas da vida e retratando emocións. Apartados, todos eles, nos que se recolle o entorno xeográfico, o patrimonio, a sociedade da vila e da súa comarca, e onde a coordinadora da publicación e tamén docente, Concepción Rúa, quixo contar coa colaboración dos nomes da Limia vinculados as letras como Lola Peláez, Federico Cocho, Luis Otero, Xosé Lois Martínez Caneiro, Antón Rivero Coello, Delfín Caseiro ou tamén Xosé Manuel Cid.