«O reparto foi un pouco desequilibrado xa que nós pedimos que se primara ás pequenas empresas»
OURENSE
O presidente dos construtores ourensáns, Eligio Nieto, di estar moderadamente satisfeito coa distribución das obras dos fondos, pero lamenta que non se beneficiaran máis empresas do sector. -¿Que lle parece a distribución dos fondos ás empresas ourensáns? -A verdade é que o reparto foi un pouco desequilibrado xa que nós pedimos que se atendera sobre todo ás pequenas empresas do sector. Este tipo de investimentos deben ir sobre todo ás pequenas empresas que son as que peor o están pasando, pero a pesar de todo estamos moderadamente satisfeitos. -¿O plan serve para que se fagan máis contratacións laborais? -Hai casos. Por exemplo, na cidade fixéronse obras por valor de dezaoito millóns de euros, o que supón unha cantidade importante e algunhas empresas si contrataron máis persoal, pero non foi significativo. Os cartos viñeron para garantir a carga de traballo que tiñan as construtoras, pero non para facer moitos máis contratos. -Agora que se acaban as obras do Plan E, ¿que alternativas barallan os empresarios? -A situación agora é complicada porque as obras van rematando e non se ve que as cousas vaian a mellor. Algún destes traballos serviron para ir tirando pero no 2010 as cousas non parece que vaian ir a mellor. -Si non vai ben a obra pública, peor está o sector da edificación residencial. -Moito peor. A obra pública está ben porque garante uns investimentos que son necesarios para a provincia, pero no que se refire á conservación dos postos de traballo, o mellor é a construción de edificación residencial. -Pero non se perciben datos positivos nese ámbito. -A verdade é que non. Iso é un grave problema porque non debemos esquecer que a vivenda da moitos postos de traballo. Dende que se proxecta un edificio ata que remata, pasan por el nada máis e nada menos que 58 empresas distintas. -¿Pedirán máis iniciativas como o Plan E? -Non vai quedar outro remedio. Nós temos pensado solicitar a todos os partidos políticos e ás administracións algún proxecto semellante para o ano 2010.