Cumpleanos con sabor popular

OURENSE

Núñez Feijoo participou no foro do PP ourensán o mesmo día que estreaba os 48 anos e defendeu a necesidade dun «galeguismo cooperador» para dinamizar Galicia

11 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os populares ourensáns teñen unha particular capacidade para converterse en centro de atención e noticia. E por veces conxuran as datas e as mensaxes ca mestría propia dos alquimistas ou dos seguidores da cábala. No ruxe ruxe da sucesión de José Luis Baltar á fronte da presidencia do PP na provincia de Ourense non son poucos os que andan a percorrer as corredoiras que suman vontades para chegar e algúns xa se levan postulado para quentar a cadeira da sede da rúa do Progreso -a da oficina do PP non a da Deputación-. Ata que esta mesma semán, sabendo que o seu presidente estaría en Ourense para participar no foro do PP, era o propio Baltar o que mandaba recado e viña a dicir, pouco máis ou menos, que sucesión sí pero só co seu beneplácito, ou o que é o mesmo: que se lle piden que siga non se pode negar e deixar o barco ao pairo.

Apoio de Feijoo a Baltar

Co campo enlamado e coa presa fácil dun presidente da Xunta, e do PP de Galicia, que acudía a Ourense para participar no foro «Debate Popular» a Núñez Feijoo non lle quedou outra que respostar ás preguntas acerca do congreso dos populares na provincia. Baltar rexeitaba minutos antes pronunciarse e Feijoo saudaba a xente que andaba pola Avenida de Pontevedra e accedía a posar para a foto dunha artista dos primeiros cursos de infantil.

Núñez Feijoo amosou unha vez máis que perder os primeiros dentes nas curvas dos Peares é un doctorado e na marea de lugares comúns exerceu de bo galego: Baltar ten todo o dereiro do mundo e conta co seu respaldo se quere seguir; Feijoo e Baltar falan tódolos días de moitos asuntos, tamén dese, e non hai discrepancias -«nós falamos as cousas, non coma noutros partidos que non hai unión e comunicación como se esta vendo nestes días»-, o PP de Ourense ten miles de militantes e xente moi preparada para asumir o cargo -«aínda que é difícil acadar as metas e os obxectivos conseguidos por Baltar nestes anos»-, cantos máis candidatos se presenten maior exercicio de democracia, etc, etc, etc.

Do Consello a Obama

E mentras Baltar deixaba aos seus interlocutores -«deixa que vou escoitar que lle preguntan estes»- e gañaba a volta por par dos xornalistas para poñerse ao pe do seu presidente por se tiña que intervir. Xa na aula de Caixanova, os populares non quixeron deixar pasar a oportunidade de facerse querer e recibiron a Núñez Feijoo cantándolle o «Cumpleaños feliz» antes da súa intervención. O concepto popular de moda é o da Galicia bilingüe e os ourensáns asúmeno: María Antonia Rilo presentou o foro en castelán e José Manuel Baltar glosou a figura de Feijoo en galego.

Baltar Blanco, borgiano e cabalístico sen militancia tal coñecida -elexiu para a súa voda o 7 do 7 do 07-, tirou de datas e estatísticas: Feijoo e da quinta do 61, como Obama, o 10 de setembro do 2004 -tamén co gallo do seu cumpleanos- foi nomeado por Fraga o seu vicepresidente primeiro, o 25 de xullo ofreceuselle participar no «Debate Popular» e onte, día do seu cumpleanos, elexiu estar cos ourensáns o que Baltar Blanco definiu como o «presidente do diálogo». Feijoo defendeu o valor do traballo e asegurou que o mellor agasallo fora celebrar o seu 48 cumpleanos presidindo o Consello da Xunta. O presidente autonómico defendeu para gañar o futuro un «galeguismo cooperador» que conciba o país como unha «Galicia única, unha Galicia global» sin os localismos de portos, aeroportos ou infraestructuras de calquera tipo.

Desliz histórico

Os asesores de Feijoo xogáronlle unha mala pasada: aludiu varias veces á Atenas de Galicia e á Xeración Nós e dixo que esta fóra capaz de aglutinar a intelectuais non ourensáns como Murguía e Cunqueiro, aínda que ningún dos dous pertenceu a Nós por ser anterior e posterior, respectivamente, a dita xeración.