No oficio dende hai sete décadas

OURENSE

José Antonio e María del Carmen comparten coa súa filla Sonia unha tradición que iniciaba o avó do primeiro na súa panadería de Celanova

07 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Non mo vas crer, mais eu fun o primeiro dos 25 ou 26 netos que tiña meu avó, o que empezou na profesión, que renunciou a ser panadeiro. E aquí me tes, metido outra vez na fariña». Quen así fala, e semella que o fai con todo o coñecemento dunha realidade que é a súa e a da súa familia, é José Antonio Martínez e faino acompañado dos seus na cociña da panadería O Ruxidoiro, en Barbadás. El, a súa muller e a súa filla traballan no negocio familiar, como veñen facendo os seus dende hai máis de sete décadas.

Pepe «Os Carrizos»

A saga de panadeiros á que pertence José Antonio e a súa familia comezou nos anos 30 do pasado século en Celanova. José Domínguez, Pepe Os Carrizos como era coñecido, foi o primeiro en apostar polo oficio de panadeiro «e despois todos rematamos metidos na profesión: meus pais, meus tíos, meus curmáns. De feito hai panaderías ou pastelerías en Ourense, Celanova e Vigo que son de familiares nosos».

José Antonio Martínez empezou no oficio, aínda que logo «renunciei e funme a Suiza para traballar nunha fábrica de calzado. Botei alá 13 anos e cando voltei caín outra vez na fariña e aquí estamos, toda a familia implicada en O Ruxidoiro». María del Carmen tamén estivo en Suiza, ela traballaba nunha tintorería.

José Antonio recoñece que o oficio é duro «xa que hai que traballar de noite e de día», aínda que como apunta María del Carmen «que facer nunca falta e a verdade é que aquí temos moito traballo, e nas festas aínda mais». Na panadería O Ruxidoiro está a familia Martínez Pérez e outros tres empregados. A nai sinala que ao traballar en familia «hai de todo, momentos bos e momentos raros, mais aquí hai un bo ambiente e non temos queixa». O pai asegura que «cando estás nunha empresa familiar ás veces lévaste ben e outras non moi ben. Traballo nunca falta e bronca tampouco».

No Ruxidoiro aínda presumen do forno de leña e dun pan artesán que sirven aos restaurantes de Ourense e que se vende ou se reparte por Ourense, Barbadás, Bentraces, Pontón, Lamas, A Valenzá e outros lugares da contorna. Na panadería de Barbadás elaboran pan artesán, bicas, biscoitos, empanadas -as especialidades son moitas e para algúns clientes a de congro é un verdadeiro manxar- e fan todo tipo de asados.

Pan barato que «non sabe»

Sonia Martínez Pérez representa a cuarta xeración da saga de panadeiros que inciaba en Celanova José Domínguez, Pepe Os Carrizos, e compaxina con total naturalidade e cun amplo sorriso o traballo cabo de seus pais. Afeccionada ao mundo do motor, non deixou pasar a oportunidade hai anos de sentarse no asento do copiloto para participar nalgunha proba automovilística. O pai sinala que «chegou ata a universidade pero non quixo seguir e preferiu virse a traballar connosco», ao tempo que a define como unha excelente panadeira. Sonia apunta que a competencia é dura e que a moda de facer pan en calquera establecemento «fainos dano. É un pan que se vende máis barato pero que non ten nada que ver co pan artesán que facemos nós e que non sabe como o que se elabora nunha panadería, non hai punto de comparación». Panadeira e nai, Sonia remata e esfórzase por convencer aos seus fillos Hugo e Gael para que saian na foto familiar.