«A semana que vén tomarei a decisión, direi cal é, e punto»

R. N.

OURENSE

Ana Garza, a concelleira responsable da feira da cidade, asegurou que ante o malestar dos feirantes, a semana que vén os reunirá e tomará a decisión definitiva sobre onde se ubicarán. Sostén que na actualidade o goberno local ten tres opcións estudadas. Sobre as protestas dos veciños do parque Barbaña, di que as entende, pero que a cidade carece de espazos para realizar este tipo de eventos e que hai que buscar unha solución provisional.

-¿Como valora as críticas dos taberneiros sobre a idea de levar a feira ao Barbaña?

-O certo é que levamos dous ou tres meses negociando con eles e nunca tivemos ningunha queixa, polo que nos sorprende que agora se opoñan. En principio non puxeron ningún problema, pero ante este rexeitamento estudaremos tres opcións e a semana que vén decidiremos cal é a definitiva.

-Tamén falan de improvisación.

- O problema xurde porque nesta cidade se fixo un plan xeral de urbanismo no que nunca se buscou un espazo para este tipo de eventos.

-Tamén poñen en dúbida que haxa as infraestructuras necesarias.

-Ese non é un problema, porque o que son os baños se van a instalar de quita e pon, e no que se refire á electricidade se conectará á rede xeneral. Tamén temos falado xa cos servizos municipais de limpeza para tomar as medidas hixiénicas necesarias.

-Aos veciños da zona tampouco lles gusta esta posibilidade.

-Cos veciños se falou nada máis reunir aos feirantes. Sempre se lles dixo que era unha posibilidade, e que se ía a tratar de que o impacto fose o mínimo posible. Sei que eles non están a favor e entendo a súa posición.

-¿Entón está desbotada a alternativa do parque Barbaña?

-Non che quero dar esa noticia. A semana que vén tomarei a decisión, direi cal é, e punto.

-Os taberneiros optaban por seguir no entorno do actual campo da feira.

-Nese sitio non é posible. Os camións de obra van a ocupar a zona. Ademais tamén se vai a adecentar a parte superior do campo da feira. Hai unhas normas de seguridade que fan que sexa inviable que metamos os camións da feira mezclados cos da obra.