Tralo nomeamento de Rogelio Martínez como delegado territorial da Xunta o seu posto quedou vacante na mancomunidade de O Ribeiro e na la Deputación ourensá. En ambos casos, o ex rexedor de A Arnoia será substituído polo alcalde de Leiro. Na entidade comarcal asume a presidencia en funcións e só seguirá «se os compañeiros queren», asegurou. O seu cargo de deputado provincial, que xa ocupou de 1999 a 2003 é seguro.
-¿Qué opina da xestión de Martínez na mancomunidade?
-Rogelio é o pai da mancomunidade e dedicou moitas horas do seu tempo libre a xestionar e por en servizo a entidade. A labor que deixa é moi difícil de superar porque deixou o listón moi alto. É unha mancomunidade de referencia a nivel servizos en toda a comunidade. Eu creo que teño capacidade de aprendizaxe e tratarei de facelo o mellor posible.
-Sen embargo, non acadou o consenso de toda a comarca e producíronse saídas da entidade...
-É un problema porque é mellor estar con dez que con seis pero aí había problemas persoais e políticos e eu o que quero e despolitizar totalmente a mancomunidade e que dea o mellor servizo e ó menos custe posible ó concello.
-¿Tratará vostede de reconducir esa división na comarca?
-Son unha persoa que me gusta falar e dialogar e intentaremos non defraudar a ninguén, pero que entre un concello ou outro non está na miña man. Ten que decidilo cada pleno, pero se algún di que quere entrar por min non vai a ser que non o faga.
-Outra materia pendente son as débedas dalgúns concellos, ¿cómo pensa arranxalo?
-A Avión faltáballe por pagar unha cantidade moi pequena, Ribadavia que eu saiba estaba pagando o fondo de participación estatal porque estáballe retendo os cartos a Xunta de Galicia e no último pleno tomouse a acordo de solicitarlle á Xunta a retención da parte que non liquidara o Concello de Melón. Polo tanto, estase en vías de solución. Rogelio Martínez deixou unha mancomunidade con unhas contas moi saneadas que xa nos gustaría ter a moitos concellos.
-¿Qué outros retos afrontará na entidade?
-Que siga funcionando a mancomunidade, que non se note moito o cambio de presidente e seguir empuxando na medida do posible se chego a ser presidente de xeito definitivo ata que cheguen as eleccións e senón apoiar o novo presidente.
-¿E na Deputación?
-Contribuír co meu traballo á boa marcha e funcionamento da Deputación e poñerme á disposición do presidente. Son un dos dous representantes da comarca e xunto co outro intentarei conseguir o mellor posible para a comarca do Ribeiro.