Mentras prepara unha mostra de escultura en madeira para o Simeón, Moxom presenta a súa faceta de debuxante
06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Moitos coñecerán a Xosé Manuel Rodríguez como Moxom e sobre todo polos seus traballos realizados en madeira. Pero Moxom é agora nova por outra das súas facetas artísticas: a ilustración. Na Casa da Xuventude pódense ver estes días os orixinais das ilustracións que realizou para o cómic O lobo da xente , baseado nun texto de Vicente Risco.
-¿Como xurdiu este proxecto artístico?
-Traballei o debuxo hai anos e na banda deseñada pero tíñao aparcado. Este proxecto da Fundación Vicente Risco foi unha suma de casualidades, agarrase á oportunidade. Un compañeiro meu, Paco Paradelo, entrou en contacto con Luís Risco e llo propuxo. Máis tarde mo dixo e insistiume. Sinceramente, que fora unha fundación a que estivera detrás do proxecto era un caramelo.
-E tras dez anos sen debuxar embarcouse no traballo.
-Levaba dez anos sen debuxar historietas, aínda que debuxo a diario bocexos por pasar o rato. Ao principio sabía o que quería facer pero á hora de pasalo a papel patinaba. Estiven a punto de deixar o proxecto porque non daba arrancado e circunstancias da vida, cando pensaba deixalo e pedir desculpas, pasou o momento de mala hora e como se algo se me aparecese que me dixera que tiña que seguir, animeime e cando máis facía máis se me soltaba a man.
-¿Por que elixiu esta historia en concreto de Vicente Risco?
-Déronme a escoller varias e decidín facer esta porque sempre o tema do home lobo gustoume moito e porque pensei que era a que máis se adaptaba a miña forma de traballar. A historia era ademais moi próxima a mín,, porque eu son de Montederramo, desenrólase en de Trives e coñezo o contorno.
-¿Hai algún outro relato de Risco realizado en cómic?
-É a primeira vez que se fai algo de Risco en cómic, en canto a os seus relatos.
-¿Que supuxo persoal e artisticamente este proxecto para vostede?
-Foi un caso curioso, porque despois de dez anos e pensando que xa solo realizaría traballos en madeira, despois deste proxecto apareceu outro moi interesante que presento a mediados deste mes. A través dun texto de Alberto Cacharrón sobre a historia da fundación do mosteiro de Montederramo fixen unha trintena de acuarelas para o libro.
-¿É un cambio creativo?
-Estou nun momento moi bo porque estes traballos obrigáronme a retomar o debuxo e estudalo para enfocar os proxectos e incluso teño máis soltura co tema da madeira. O debuxo na arte é básico e coñecelo engrandécete como artista.