Ourense, esencia de Blanco Amor

La Voz

OURENSE

Eduardo Blanco Amor mantivo sempre a Ourense como o seu referente literario e persoal e a súa cidade a as vivencias na mesma percorren a súa obra como o alicerce que lle dá sentido e que a converteu en referente galego e universal. Onte, no Simeón, Eduardo Blanco Amor volveu ser o protagonista na celebración do medio século de saída á rúa de A Esmorga en Bos Aires, celebración na que foi lembrado nas intervencións de Manuel Forcadela, Víctor Freixanes, Isaac Díaz Pardo, Luís González Tosar e José Luis Baltar.

Neorrealismo e psicoanálise

O profesor Manuel Forcadela fixo un percorrido pola obra e a figura de Blanco Amor. Lembrou que Ourense era «ese obxecto de amor da súa infancia», incidiu nas pegadas que o neorrealismo, o existencialismo e a psicoanálise teñen en A Esmorga e vencellou a obra co chamado «boom» da literatura latinoamericana. Freixanes lembrou as vivencias compartidas con Blanco Amor cando este estaba en Vigo e Freixanes traballaba como xornalista e Isaac Díaz Pardo rememorou o papel xogado por el na publicación da edición príncipe de A Esmorga -Díaz Pardo foi o que trouxo o orixinal a Galicia e levouno de volta a Bos Aires-. Pola súa banda Luís González Tosar glosou a Blanco Amor e lanzou o reto a Freixanes (Galaxia) e a Baltar (Deputación) para que co gallo do 50 aniversario se publique A Esmorga en inglés. Baltar comprometeu o apoio da Deputación de Ourense ao proxecto para tratar de facer realidade a proposta neste mesmo ano.