O mozo ourensán Jorge Otero participou no programa de TVE aínda que non puido formular a súa pregunta
29 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Jorge Otero Mira é un mozo ourensán de 23 anos, natural de Barra de Miño. Traballa de técnico de telecomunicacións e informática na empresa Ingatel e foi un dos cen seleccionados para participar no programa de TVE Tengo una pregunta para usted , emitido o pasado luns co presidente do Goberto José Luis Rodríguez Zapatero como convidado.
-Finalmente, non puido facerlle a súa pregunta a Zapatero. ¿Cal tiña preparada?
-Foi unha mágoa, pero só podían preguntar entre o 35 ou o corenta por cento. De economía non quería preguntar porque o ían facer os demáis, pero se me tocara preguntaríalle polo traballo para os mozos.
-¿Pareceulle que o presidente saiu ben do paso?
-Saiu como quixo porque parecía que se ía polas ramas. Non contestou ao que se lle preguntaba.
-¿Sentiuse identificado co que preguntaban os demáis participantes?
-Con algúns sí estaba moi dacordo, con outros non. Por exemplo, gustoume a pregunta do rapaz sobre as armas...aí encerrouno.
-Logo da emisión, ¿tiveron oportunidade de falar con Zapatero a curta distancia?
-Si. Estivemos alí case ata a unha da mañá. A mín preguntoume de onde era e pouco máis. Logo quedaron en que botaramos as nosas preguntas nunha furna e dixéronnos que nos van mandar á casa as respostas ás preguntas que non puidemos facer.
-¿Fixeron unha selección previa da xente que ía preguntar?
-Non, ía sobre a marcha. Só Lorenzo Milá (o presentador) facíanos algunha seña. Só se soupo quen ía empezar o primeiro. Antes só nos preguntaran o tema das nosas preguntas, pero non a formulación concreta.
-¿Que tal a organización e o trato?
-A organización e o trato, todo unha pasada. Tiñamos un hotelazo e todo moi ben.
-¿Repetiría?
-Con un hotelazo dese nivel, seguro. Ademaís quedoume pena non preguntar unha vez que estaba aí.
-¿Tivo oportunidade de verse xa na tele?
-Non. É que saín pouco, só de refilón nalgún telediario. Vannos enviar un deuvedé do programa, pero pouco saín.
-¿Como o seleccionaron para participar?
-Eu non fixera ningunha solicitude. Chamáronme por teléfono para un cuestionario sobre diferentes temas e personaxes famosos e logo dixéronme que collían xente para ese programa. Confirmáronme que iría tres días antes do programa.