Cantares das montañas

OURENSE

A Real Banda de Gaitas de Ourense presenta en Lugo un disco baseado no folclore das serras do interior galego

22 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Galería Sargadelos de Lugo acollerá hoxe -a partir das oito da tarde- a presentación do disco Cantares populares , unha homenaxe da Real Banda de Gaitas de Ourense ao folclore do interior de Galicia e principalmente ás terras de montaña do leste das provincias ourensá e lucense, de onde proceden boa parte das pezas recollidas nesta edición.

O director da banda, o courelao Xosé Lois Foxo, sinala que as composicións incluídas neste disco foron recollidas de cantores e músicos populares do?????Courel, Os Ancares, Trives, Manzaneda, Valdeorras e O Bolo, entre outros lugares. Tamén hai pezas procedentes dos Ancares de León, un territorio de lingua galega cuxo folclore está estreitamente relacionado co das serras orientais de Galicia.

Ao mesmo tempo presentarase un deuvedé titulado Concerto de Reis , que recolle pezas tradicionais interpretadas pola banda e cantadas por Miriam Figueiras, unha nena ourensá de 12 anos que en opinión de Foxo «ten moito porvir no mundo da música». No deuvedé figuran tamén intervencións dos informantes que achegaron os cantares tradicionais editados no disco. Entre eles figura Elvira Touzón, una cantora de Santa Eufemia do Courel que cumprirá cen anos o próximo xuño e que posúe un vasto repertorio de cantares tradicionais. Como tal, ten ocupado un lugar destacado no festival Filandón de Músicas do Courel, que se celebra anualmente neste municipio desde 1999.

O disco Cantares populares foi publicado polo selo RTVE Música, mentres que a edición do deuvedé Concerto de Reis correu a cargo da firma discográfica lucense Sons Galiza.

Outras iniciativas

Xosé Lois Foxo, así mesmo, está preparando actualmente outras iniciativas destinadas á conservación e divulgación do rico e pouco coñecido folclore musical da montaña lucense. Por unha parte, está producindo un cedé e un deuvedé da cantora popular Hilda Álvarez, veciña do Courel, que tamén ten participado con frecuencia no Filandón de Músicas do Courel e que no 2000 actuou en Nova York acompañada pola Real Banda de Gaitas de Ourense, con ocasión do desfile do día de San Patricio.

Por outro lado, Foxo continúa traballando na preparació do terceiro volume de Músicas do Courel , unha serie de libros e discos que reúnen cantares e melodías tradicionais da serra e das terras limítrofes. O primeiro volume desta serie foi publicado en 1998. O músico leva varios anos preparando a seguinte entrega, gravando e recollendo en papel as composicións populares que recordan os veciños de maior idade destas localidasdes da montaña. Este novo traballo, segundo as súas previsión, non tardará moito tempo en ser editado.