O presidente dos panadeiros de Cea comparte ilusión e traballo coa súa muller, Isaura, a súa nora, Rosa, e o seu neto, Adrián, no forno de Tamallancos
18 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O pan de Cea está a vivir uns tempos dourados que son froito da incansable loita de moitos profesionais, do Concello e da Xunta. As condicións da produción e a comercialización mudaron de forma considerable e iso está a ter unha importante resposta na demanda que se xenera en Galicia e noutras partes do Estado. Oito séculos despois, hai referencias sobre o pan de Cea na altura do século XIII vencelladas ao mosteiro de Oseira, o produto máis famoso das terras de Cea é máis apreciado que nunca e está a favorecer un relevo xeracional grazas a ese pulo.
Unha das persoas que máis se significou na loita pola recuperación do prestixio e a imaxe do pan de Cea foi Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez, presidente da asociación de panadeiros. De feito o Forno do Carlos, en Tamallancos, é o que figura co primeiro rexistro da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea e conta coa súa propia páxina web -www.fornodocarlos.es-. O Forno do Carlos é un acolledor espazo familiar, impoluto, no que traballan Carlos e a súa muller, Isaura, e a súa nora Rosa. O neto, Adrián, axuda cando llo permiten as súas obrigacións como estudante do ciclo medio de organización de recursos medioambientais. Un dos fillos de Carlos e Isaura, José Antonio, tamén participa no proxecto familiar aínda que dende hai un ano está de baixa por enfermidade.
O 90% para fóra de Galicia
Carlos Rodríguez foi un pioneiro na aposta pola comercialización do pan de Cea «o único do Estado hoxendía que ten Indicación Xeográfica Protexida, IXP, da Comunidade Europea» e xa hai máis de dúas décadas que enviaba remesas semanais de poias de pan de Cea a Barcelona. O esforzo pagou a pena e na actualidade «o 90% do que elaboramos aquí vai para fóra de Galicia. Mandamos o noso pan para Barcelona, Euskadi, Asturias, Extremadura, Murcia e Valencia. Ademais a IXP tamén axudou moito e agora este produto ten unha gran acollida nas tendas especializadas». Aínda que Carlos Rodríguez leva máis de 30 anos no oficio -«o primeiro pan do forno vello sacámolo o 22 de maio de 1976»- el lembra que a auténtica panadeira é a súa muller «que é dunha familia histórica e cunha grande tradición nos panadeiros de Cea». Isaura, que rexeita o protagonismo que lle quere dar o seu marido, lembra os tempos «en que os fornos eran comunais e había que cocer por quendas. No forno só había unha artesa e un tabuleiro, e o resto había que levalo da casa: a masa, a pa, a vasoira para limpar o forno, a leña. Aquilo si que era duro, hoxe hai moitas máis comodidades e xa é outra cousa».
Esta panadeira de raza -filla, neta e bisneta de panadeiras- gosta de que os tempos mudaran para ben e que na actualidade a profesión teña a consideración e o futuro que se merece, que no caso da súa familia dá traballo á maior parte da mesma: «temos outro fillo, mais non lle chamou o de ser panadeiro». Rosa afíxose ao oficio «por velo na familia e realmente é unha tradición que me gosta» e a quinta xeración está presentada por Adrián, o neto de Carlos e Isaura, que está afeito dende cativo a axudar na casa «e lévase moi ben, sen problemas». Cunha familia que funciona como un equipo perfectamente sincronizado, no Forno do Carlos cocen 250 pezas por día, aínda que no Nadal Carlos quedou sen xantar para dar abasto ás 528 pezas que reclamaron os clientes para celebrar a data.