Catro décadas de esforzos

OURENSE

O presidente dos constructores de Ourense e de Galicia comparte coa súa filla a experiencia e os proxectos que desenvolven na empresa familiar

09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Eligio Nieto é o prototipo do empresario feito a si mesmo. Traballou en Alemania, tivo varios negocios e rematou adicado ao sector da construción logo dunha primeira promoción de vivenda que fixo en San Franciso. O presidente da Asociación de Constructores de Ourense e de Galicia non para: o mesmo percorre a cidade de cabo a rabo para estar presente nas obras que está na empresa, participa en foros e xuntanzas sociais ou calza as botas e agarra o caxato para amosar que como sendeirista, e defensor do camiño a Compostela, non hai quen lle meta medo.

Moitas crises vividas

Elixio Nieto procesa a velocidade de cruceiro e xa está respostando ás preguntas antes de rematalas: «Traballei de encargado de obras durante cinco anos en Alemania nunha promoción de vivendas sociais, e neses anos merquei uns terreos en San Francisco. Cando me viñen para aquí montei un café restaurante en Parada Justel, fronte a Correos, e ao mesmo tempo xa empecei a construir alí en San Francisco. Era o ano 1966 e daquela nin había grúa nin excavadora para facer sótanos. En Ourense non había unha excavadora para facer un sótano e grúas unha ou dúas, nós comprámola no 68 e era das poucas que había na cidade».

Con máis de catro décadas de oficio ás costas, Nieto Lamas viviu xa unhas cantas crises «ata o 68 vendíase ben. Depois, ata o 70 houbo unha pequena crise. Do 78 o 86 tamén a houbo, mais nada que ver co de agora, con tanta desconfianza e tanta inseguridade xurídica». A súa filla engade un apunte referido ao sector da construcción porque considera que «dende todos os estamentos se demonizou esta actividade e se foi a por el, cando había moitas cousas e sectores que regularizar».

Eligio e a súa filla forman unha equipa perfecta: María del Carmen dubidaba entre Arquitectura e Enxeñeiría de Camiños, decantouse pola primeira «porque era a saída natural». O pai sae ao quite para sentenciar «aí si que lle aconsellei eu».

Como noutros casos semellantes a visión xeracional condiciona a valoración das normas do Hábitat. A arquitecta asegura que «ten cousas boas. É certo que hai aspectos que perfilar e cambiar, mais non todo é reprobable» e o promotor míraas dende a outra banda «non cabe dúbida que se mellora moito, pero encarece moitísimo o coste».

Paixón de pai

Arquitecta e promotor traballan man a man na empresa familiar e María del Carmen recoñece que «levámonos xenial, discutimos como todo o mundo, non pensamos sempre o mesmo pero chegamos a un entendemento. Teño que recoñecer que el é máis flexible ca min». Eligio Nieto non está de acordo: «Son así coa miña filla, se fosen os demais non lle pasaba moita cousas». Ela tamén sinala que a convivencia vai virando os xuizos «cos anos decátaste de que el sabe máis do que ti pensabas nun principio, el tamén ve que ti sabes máis do que el pensaba...coa rodaxe vaise facendo o respeto profesional».

Eligio Nieto é un home coas ideas claras e as palabras xustas: «Levámonos de marabilla tanto na empresa como na familia, entendémonos á perfección, falamos as cousas e pode ser que discutamos, pero sempre chegamos a un acordo». A paixón que o promotor sente pola súa filla só deixa paso á terceira xeración cando o pai sentencia que «o millor que hai na casa son os tres netiños».