«Hai que restaurar as rúas das Tendas e Arcediagos»

Jesús Manuel García

OURENSE

López invita a propios e forasteiros a dar unha volta pola ciudade percorrendo 26 puntos de interese

15 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Anselmo López Carreira confesa que está satisfeito co traballo que acaba de rematar e que xa está no mercado. Un libriño sobre os monumentos da nosa cidade, encargo da editorial A Nosa Terra, para a súa serie de pequenas e sinxelas guías sobre o patrimonio galego.

-¿Que sentiu con esta obra?

-Un pracer moi grande porque eu a Ourense quérolle moito. Son ourensán de familia e de crianza. Traballo alí na UNED a pesares de que vivo e dou clase en cangas. Ourense é moi coñecido para min. Paseo pola cidade desde ben pequeniño.

-E é vostede un gran coñecedor da súa historia.

-Coñezo ben a historia medieval de Ourense.

-¿Como estrutura esta obriña?

-Fago percorridos pola súa contorna, tocando aqueles elementos que estaban na contorna e que hoxe xa forman parte da cidade como a Ponte Vella ou o Santo Anxo. E chego ata Santomé, un lugar moi recomendable.

-Fai vostede un texto sen deixar de lado a crítica.

-Fago referencia ó urbanismo especulativo da época da Torre de Ourense.

-E á Praza de San Martiño...

-Esa praza é aberrante. Asusteime hai tempo con aquela idea de tirar edificios e sacar da manga unha praza grande no casco histórico. A Praza de San Martiño é improcedente e desafortunada. Ten unha mixtura de escalinata con ponte veneciana sobre a rúa das tendas. Hai que pensar que esa rúa é cando menos, do século XII e aí non houbo nunca praza. Non non podemos cargar esa rúa e cambiar o trazado das cidades. Outro exemplo é o do chalé Losada do paseo, que desapareceu para facer un gran edificio, o Viacambre, fóra de lugar. Había un chalé precioso cun xardín en pleno centro da cidade que xa o quixeramos hoxe. Esta miña guía é crítica coa perda do patrimonio.

-¿É Ourense unha cidade moi monumental?

-Moito a nivel de Galicia. calquera visitante sorpréndese porque esperaba outra cousa. Ve o que hai, o casco histórico, o modernismo na rúa Progreso e Paseo, e a vida urbana dunha cidade moi viva, moi monumental que sufriu agresións reparables. Sempre queda a esperanza.

-¿É partidario de retirar o vello edificio da Policía Local xunto á catedral?

-Hai que quitalo e deixar o espazo cuberto, eliminando a Praza de San Martiño. Hai que restaurar dúas rúas: Tendas e Arcediagos.

-¿Que elemento patrimonial destacaría vostede?

-A catedral sen dúbida polo monumental, pola carga histórica, valor estético e por todo o que encerra sen quitarlle valor a outros elementos como o claustro de San Francisco, que moitos descoñecen e é inigualable no gótico galego. Lamento o traslado da igrexa.