As Xociviga non se conciben como tal sen a figura de Miguel Anxo Fernández. Coordenador das mesmas dende a súa creación en 1984, estivo ao fronte do certame durante trece anos.
-¿Cavilou nalgún momento naqueles anos que as Xociviga chegarían aos 25 anos?
-Nunca se chega a pensar niso e tampouco era algo que nos parecese que fose a ser así. As Xociviga coincidiron coa eclosión do sector en Galicia e semellaba que pouco máis alá de finais dos 80 ou comezos dos 90 non terían continuidade.
-O Concello do Carballiño aposta polo seu relanzamento ¿hai espazo cos festivais consolidados e os foros existentes en Galicia?
-Existe ese oco no sector porque fai falta un punto de encontro, de reflexión e debate e existen moitos aspectos a tratar nel, e temas serios aos que nos estamos enfrontando: o dilema da dobraxe -ou dos subtitulos-, a falta de presenza nos mercados exteriores, a segunda canle da TVG e outros aspectos. O modelo das Xociviga aínda é viable, pero se hai implicación por parte das institucións xa que non temos nin pantallas na vila e nin tan siquera está equipado o auditorio. Faltan infraestructuras.
-¿Dos anos que botou ao fronte do certame que etapa lembra con especial satisfacción?
-A primeira, os anos 84/89, porque foi de onde sairon ou se impulsaron e se someteron a debate iniciativas que hoxendía son realidade: a Federación de Cineclubes de Galicia, a Escola de Imaxe e Son, o Centro Galego das Artes da Imaxe e outras institucións ou colectivos.
-¿E con que nomes se quedaría?
-Con Carlos Velo e Manuel Puig, dúas persoas extraordinarias, e de xeito especial con aqueles que comenzaban na etapa das Xociviga e que logo se consolidaron no sector audiovisual, xente como Pancho Casal, Villaverde, Chano Piñeiro, Reixa e tantos outros.