Ó chegar á casa dos poetas, a conselleira de Cultura, o presidente da Real Academia Galega e o alcalde de Celanova, na mesma fachada, retiraron a bandeira que tapaba a segunda praca da xornada e a quinta que hai nesa fachada. «A Real Academia Galega lembra ao seu protector e fundador». Xa no interior, comezou unha visita guiada á mostra Na frente unha estrela .
Ata xullo poderase ver esta exposición que comeza no 1904, ano da coroación de Curros Enríquez como poeta nacional en a Coruña. Era o 21 de outubro nun acto celebrado no Teatro Principal da cidade herculina. Alí se pode ver a coroa de ouro e prata, obra de Isidoro brocos, agasallo a Curros pola Real Academia Galega naquel ano. A sala segunda está dedicada ó Curros xornalista e literato. Tamén hai información e documentos que reflicten como o poeta celanovés foi protector e fundador da devandita academia. El inspirou esta institución desde a presidencia da Asociación Iniciadora e Protectora da habana. Curros é académico de honra desde 1905.
Enterro
Na sala cuarta trasladámonos ó ano 1908, tempo no que o pobo galego acolle ó seu poeta, cuxo cadaleito chega embalsamado por vía marítima desde Cuba ó porto da Coruña. Corenta mil persoas participan no enterro que tivo lugar o 2 de abril de 1908 no cemiterio de San Amaro. Hai unha montaxe audiovisual sobre este acontecemento. Pódese ver tamén a bandeira galega que foi custeada pola revista Galicia e que serviu para cubrir o cadaleito do poeta no seu traslado desde a capital cubana.
A mostra remata no ano 1934, coas arelas de liberación petrificadas. Había un desexo de canonizar dalgún xeito a Curros. E tamén cos poemas cheos de vocación hímnica e de identidade, levados polo mundo adiante por coros e orfeóns.