«Para nós este é un premio a moitos anos de esforzo»

OURENSE

O Concello de Ourense entregoulle onte o Premio Clara Campoamor a entidade da que foi cofundadora

14 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O traballo de investigación e sensibilización en cuestións relacionadas coa muller, que dende hai oito anos desenvolve a Cátedra de Estudios Feministas, nacida no seo da Universidade de Vigo e co sustento financeiro de Caixa Nova, foi recoñecido onte coa entrega do Premio Clara Campoamor durante unha cea de gala organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Ourense. Unha das membros fundadoras desta cátedra foi Purificación Mayobre que onte se encargou de recoller o agasallo e representar a todo o colectivo que traballa e colabora neste proxecto.

-¿Que supón para vostedes este recoñecemento?

-É algo moi especial polo que significa o propio premio, pero agrádanos tamén porque supón recoñecer un traballo que non é de cara a galería. A nosa labor é un pouco invisible porque se centra no mundo da investigación e o estudio para lograr resultados que non son inmediatos senón a medio ou longo prazo. É, por dicilo dalgún xeito, o premio a moitos anos de esforzos e traballo de tódalas compañeiras implicadas neste proxecto, e tamén neste caso a entidade que nos patrocina. Para nós tamén isto é importante porque aínda que hai moitas entidades que apoian puntualmente actividades relacionadas con cuestións de xénero, normalmente son cousas puntuais, con impacto e repercusión mediática inmediata. Esta é unha aposta por unha labor oculta que non luce tanto.

-¿Como naceu?

-En realidade esta cátedra, que hoxe ten membros nos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense, xurde a raíz dun traballo que xa viñamos facendo un grupo de mulleres da universidade vinculadas cos movementos feministas e que queríamos trasladar dalgún xeito as nosas preocupacións sobre a situación da muller ao que era a nosa labor como docentes. Algo que se plasmou a raíz da reforma do plan de estudios en 1994 e que coa alianza de movementos sociais do feminismo tamén se potenciou. De aí xurdiu a idea de crear a cátedra que se materializou no 2000.

-¿Non hai recelos por tratarse dunha entidade co apelido de feminista?

-O feminismo de hoxe non é o de hai trinta anos, pero sen dúbida segue sendo necesario. Con respecto á verba en si, lamentablemente aínda hai quen rexeita o termino por pensar que é o mesmo que o machismo pero no outro polo. Algo totalmente errado.

-¿Que tipo de actividades desenvolven?

-O noso obxectivo é potenciar a integración da muller en tódalas esferas e un pilar esencial é a investigación. Temos xa máis de corenta traballos que abordan cuestións históricas, sociais ou económicas e que plasman problemáticas como a violencia de xénero no sistema escolar, a conciliación da vida laboral coa familiar, a viabilidade do preservativo feminino, ou a influencia do xénero na elección de carreira universitaria, entre outros. Pronto publicaremos unha escolma deles. Asemade a cátedra ten convocatorias de becas para bolsas de viaxe e colaboración, coordina xornadas, ciclos de conferencias...

-¿Séntense satisfeitas?

-O traballo feito é importante, pero sempre nos gustaría avanzar máis, aínda que para iso tamén sería necesario un maior apoio institucional a este proxecto, dende a propia universidade a outras entidades públicas ou privadas.