A Fundación Vicente Risco crea un espazo expositivo adicado ao nacionalismo galego

La Voz

OURENSE

A Fundación Vicente Risco de Allariz é un referente ineludible para achegarse á historia de Galiza e o seu pensamento. E dende onte, un novo lugar de culto para o nacionalismo galego, xa que a fundación procedía a inaugurar, coa presenza do vicepresidente da Xunta, un novo espazo adicado ao nacionalismo galego. O primeiro andar do edificio da Fundación Vicente Risco en Allariz acolle este espazo artellado a base de paneis que serven para facer un percorrido histórico e cronolóxico «sobre a evolución do pensamento de Risco e a historia do propio nacionalismo, dende os seus precedentes, co provincialismo, ata o Estatuto de 1981». Quintana lembra a Antón Risco O guión para artellar este novo espazo foi desenvolvido polo investigador Justo Beramendi e no percorrido polo mesmo o visitante pode achegarse ás datas, feitos e acontecementos salientables do movemento nacionalista galego, tanto en correntes históricas como a do provincionalismo, o rexionalismo ou as Irmandades da Fala a etapas más recentes como as loitas sindicais dos anos 70, pasando pola Segunda República ou a Guerra Civil. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, manifestou na inauguración deste novo espazo que a proposta da Fundación Risco deixa patente «que Galiza contou sempre cunha grande nómina de pensadores de gran brillantez que contribuiron a crear unha nación dona dos seus dereitos, protagonista das súas decisións e constructora do seu futuro». Quintana amosouse «orgulloso de inaugurar este espazo de homenaxe ó pensamento lúcido que supón ademais o recoñemento da nosa historia e que vai contribuir a afondar no recoñecemento do pensamento e da obra de Vicente Risco». Difusión en banda deseñada O vicepresidente, que salientou a aportación de Risco «como ideólogo do nacionalismo, hai que lembrar que a súa Teoría do nacionalismo é de 1920 e que a súa aportación foi fundamental para que Galiza comezase a pensarse como nación», tamén lembrou que a data escollida para a inauguración tiña unha fonda razón emotiva e simbólica: «Hoxe cúmprese o 10 aniversario do pasamento de Antón Risco». Na fundación tamén se asinou onte un convenio entre a mesma, a Xunta e a Asociación BD Banda para crear unha banda deseñada para divulgar a obra de Risco entre os estudantes galegos.