Xerardo Dasairas recupera da Biblioteca Nacional as memorias de Luis Bazal, mestre anarquista de Palmés
26 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que poda parecer que está todo dito arredor da historia do episodio máis arrepiante do século XX, a guerra civil e a súa posterior represión, sempre queda algo por descubrir, historias que recuperar, memorias que tirar do esquecemento e lecturas e teorías que hai que revisar. E os investigadores son quen de ir aportando os argumentos para reinterpretar a historia.
O historiador verinense Xerardo Dasairas -autor de varias publicacións sobre a comarca de Monterrei, as súas xentes e a historia da mesma- é o responsable editorial dunha nova obra sobre a guerra civil e a represión franquista na provincia de Ourense. Froito dos seus traballos de investigación, Dasairas atopou nos fondos da Bibilioteca Nacional de España «formando parte da colección sobre a guerra civil agrupada baixo o epígrafe The Edwin Lenk Spanish Civil War Collection» un relato biográfico de Luis Bazal, mestre anarquista orixinario de Verín que impartía escola na zona de Palmés e Castro de Beiro cando se rexistrou o alzamento militar de xullo de 1.936.
De Castro de Beiro a Chaves
No libro Luis Bazal. Memoria e Fuga dun mestre anarquista galego, Xerardo Dasairas decántase por centrarse en «recuperar os días galegos e portugueses dunha resistencia e unha fuga que serven para modelar tantas outras semellantes que se terían producido -e repetido-por aqueles mesmos días».
Luis Bazal era fillo dun médico verinense e naceu en Cerecinos de Campos (Zamora) por ser onde exercía seu pai como titular. A familia trasládase a Madrid e máis tarde, á morte do pai, aséntase en Verín. Como outros dos seus irmáns, Luis Bazal fíxose mestre e iniciou a súa actividade profesional en 1933 na escola de Correchouso (Laza), sendo trasladado logo a Pidre (Solbeira-Xinzo) como represalia pola súa participación nos movementos sindicais dos carrilanos, os obreiros do camiño de ferro entre Zamora e Ourense. O curso 1935/36 iniciao no seu novo destino: mestre en San Mamede de Palmés, sendo nesa escola de Castro de Beiro onde se distinguiu polo seu papel de dinamizador dos movementos asociacionistas entre veciños e labregos, ademais de formar parte da mítica ATEO, a Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense.
Segundo narra no seu relato biográfico, Bazal bótase ós montes de Castro de Beiro liderando a moitos veciños da zona logo do levantamento militar para fuxir dunha morte segura e para combatir contra os sublevados. Logo de algúns episodios de enfrontamentos armados e represión pola contorna de Ourense, Bazal decide marchar ata Verín e cruzar a fronteira portuguesa para fuxir dunha morte segura. En Chaves vai ficar no castelo desta cidade xunto con outros refuxiados galegos, sobre todo da zona de Monterrei.
Tarragona e Francia
Do forte de San Neutel, en Chaves, Luis Bazal foi trasladado a Lisboa e embarcado ata Tarragona, donde combatiu coa resistencia republicana. Aínda que no libro publicado por Edicións A Nosa Terra o relato de Bazal remata cando chega a Tarragona, Xerardo Dasairas aporta na súa edición datos sobre a estancia do mestre anarquista de Palmés nos campos de concentración do sur de Francia, o seu paso obrigado pola guerra de Alemaña, e do seu exilio en Toulouse, donde escribiu varias obras literarias.