Lobios e Celanova lembraron a figura de Elixio Rodríguez

Jesús Manuel García

OURENSE

05 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación Arraianos e a Fundación Galiza Sempre homenaxearon onte a Elixio Rodríguez Domínguez, nacionalista histórico (Grou-Lobios, 4 de xaneiro de 1910-Cidade de México, 10 de xullo de 2007) en Lobios e en Celanova. «É unha figura determinante na dignificación da nosa cultura, da nosa lingua e dos nosos sentimentos de galegos», dixo o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no acto celebrado no serán no Instituto de Celanova que á súa vez está no mosteiro no que Elixio foi preso no comezo da guerra Civil.

Pero o programa daba comezo polo mediodía en Grou, Lobios, pobo natal de Elixio, onde quedou descuberta unha praca na casa familiar. De seguido a cita estaba na vila de Lobios, onde se presentou o libro de memorias Matádeo mañá , editado por Edicións Xerais no 1994, obra na que tivo que ver Gloria, esposa do finado, que lle daba pulo ao igual que para vir cada verán a Galicia.

Neste recordo emocionado a quen viviu 97 anos loitando por Galicia e que foi para o alén fai seis meses, non podía faltar o mosteiro de Celanova. No salón de actos do Claustro do Poleiro, que hoxe é instituto Celso Emilio, houbo unha velada longa con música e palabra. A música do grupo Kerkennai e do gaiteiro Daniel. E a verba dos convidados. O salón quedouse pequeno e sobre todo estreito.

«Calquera dos actos de Elixio durante a súa vida serían motivo de homenaxe, de recordo e sobre todo de honor para aqueles que poidemos compartir a súa amizade», subliñou Quintana, engadindo que si ben marchouse «o Elixio persoa, queda todo o seu ensino», o dun home que viviu unha época na que Galicia era un fervedeiro de ideas, que axudou a constituir as Mocedades Galeguistas. Elixio Rodríguez optou polo camiño difícil de que Galicia contara con forzas políticas propias, dixo o vicepresidente.

Ana Miranda, da comisión de emigración do BNG, lembrou as últimas horas con Elixio antes de finar. «A súa dona levoume aparte, e ensinoume un armario onde gardaban tres cousas para cando chegara o momento. Había unha bandeira galega coa estrela, unha lista de teléfonos na que algúns de vostsdes están e unha gravación do Negra Sombra» . Do homenaxeado engadiu que levaba unha patria móbil. El aló, na casa da Colonia Linda Vista de México D. F. despediuna cun «beizón» para a súa terra á que xa non voltaría. Elixio era un home loitador pola súa terra, incluso cos seus 97 anos. Galiza Nova fixo a entrega póstuma do seu carné a Elixio, na persoa da súa viúva.

«A conciencia só se ten cando se ten aprecio polo outro. O xénero humán está feito de diversidade. Haberá infernos na memoria dos que intentaron matar a conciencia viva da identidade colectiva de Galicia», dixo o presidente de Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras.