O grupo TecniPublicaciones concedeulle á firma ourensá o premio «Empresa del año 2008»
07 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Anpian é unha empresa en constante movemento. E non só porque se dedique ó transporte de viaxeiros. Tamén porque a súa veteranía, representada polo seu fundador e presidente, Antonio Piña, non impediu a constante renovación e a adaptación ás novas necesidades do mercado. O Grupo TecniPublicaciones acaba de concederlle o premio «Empresa del año 2008» na categoría de transporte regular de viaxeiros.
-¿Que supón o recoñecemento ó traballo da compañía?
-Depende de como se mire. Cando un é mozo ten máis ilusión que cando chega a vello. Pero un premio como este, a nivel nacional, sempre é unha satisfacción.
-¿Por que cre que llo concederon? ¿Que é o que fai diferente Anpian para merecer un premio?
-Non se trata de facer as cousas de forma diferente. Trátase da constancia coa que as levamos facendo dende hai máis de cincuenta anos.
-¿Ese é o segredo do éxito?
-Non é un segredo. Simplemente hai que facer as cousas con seriedade.
-¿É difícil adaptarse ós tempos nun mercado como o do transporte de viaxeiros?
-Cando empezamos non había coches nin boas estradas pero si moitos viaxeiros, que é co que se mantén o servizo regular. Agora temos bos vehículos e moi boas estradas pero menos xente. Ó certo é que non nos compensa, por moito que subamos o billete, a inflación que hai. Porque canto máis sube o prezo do billete, menos viaxeiros hai.
-Desde a Xunta fai anos que se fala dun sistema integral de transporte que nunca chega. Agora vese a luz ó final do túnel. ¿Como o ve vostede?
-O ano que ven o metropolitano vaise pór en marcha. Eu creo que antes de marzo estará funcionando en Ourense. A dirección xeral quere polo en marcha, como xa fixo en Ferrol, A Coruña e Santiago.
-¿E como pensa que vai funcionar?
-O metropolitano vai funcionar da seguinte maneira: a Xunta vai dar 27 de céntimos para subvencionar ó viaxeiro, os concellos tamén van a colaborar e ata as empresas imos perder un 5%, todo co obxectivo de mentalizar á xente de que hai que usar este tipo de transporte, que é para unha circunferencia de 10 ou 15 quilómetros. O que non pode ser é que alguén que ven con nós de Celanova, pagando un billete de tres euros, teña que pagar logo o dobre para chegar ó centro, desde a estación de autobuses, nun taxi. O concello debería deixar entrar ós autobuses porque o comercio nota que non entren os servizos regulares de autocares na cidade. Hai que dar facilidades.
-¿Cambiou moito o perfil do usuario do autobús?
-Os clientes son os mesmos que antes. O problema que hai é que antes os concellos tiñan 5.000 habitantes e agora teñen 2.000. Agora as aldeas teñen comercios moi bos, hai médico... Antes non había taxis, non había turismos... Agora teñen dous ou tres en cada casa e, por exemplo, os netos traen ós avós a Ourense.
-Pero aparecen novos clientes, como os do Noitebús.
-Nós facemos o servizo desde Bande, Celanova, Maceda... Compénsao a Xunta para que os rapaces podan beber un pouquiño. A xuventude tense que mentalizar de que o teñen que usar e deixar o seu coche.