O perfecto exemplo do que non debe ser

OURENSE

No Parlamento galego hai unha comisión que non da botado man do acordo para artellar as canles polas que se debe regularizar o proceso para que os emigrantes exerzan o seu dereito ó voto. A PP e PSOE non lles interesa que muden as cousas, ós primeiros porque utilizaron en tempos a maquinaria de poder para beneficiarse dun sistema con poucas garantías e ós segundos porque agora o fan eles e tentan perfeccionar o modelo con eufemismos como ese remedo de embaixada creado en Arxentina -algúns xa abriron o debate cunha sinxela pregunta: ¿que é máis importante, ter unha representación institucional en Bos Aires ou en Bruselas, que é donde se reparte a tarta europea?-.

Teorías á marxe, o exemplo máis claro do que non pode ser e do perverso que acaba sendo o sistema está nas eleccións da Arnoia. Que un pobo leve meses cun mandato prorrogado polas irregularidades detectadas no voto da emigración -votos emitidos en moitos casos por persoas que non saben nin donde queda A Arnoia, os novos, ou que hai décadas que non volveron, os vellos- é un escándalo e un fraude ós veciños da Arnoia, ós que alí viven e pagan os seus impostos. Aí é donde está a realidade, e non nos intereses de PP, PSOE e BNG á hora de crear comisións de traballo.

Aínda que son moitas as leccións que se poden tirar deste caso: como as referidas as sentenzas e criterios diferentes das xuntas electorais para casos semellantes ou permitir accións tan antidemocráticas como refrendar acordos para non contabilizar votos irregulares e mudar logo esa decisión por intereses particulares. Entre outras moitas.