Varios artistas da comarca expoñen conxuntamente e crean un colectivo con cabida para tódolos estilos e técnicas, @Sil
04 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.o barco | Se nos ceñimos ás formalidades burocráticas, o colectivo de artistas @Sil aínda non existe, pero como o interesante é a idea e as súas primeiras manifestacións podemos afirmar que xa naceu en Valdeorras un grupo de acción artística. E a súa primeira actividade é unha exposición que se pode visitar dende onte e ata finais de mes, na Casa do Río Cigüeño do Barco.
Alí están as obras de Manolo Conde de Córgomo, Torino de Petín, Enrique Rey de San Vicente, Iván Prieto do Barco e Rique Barreiros, quen prefire ubicarse en Valdeorras. Esa é a característica que os une, que son todos da comarca e queren que se lles coñeza na casa e despois proxectarse ó exterior. Tan só un estudou Belas Artes, o resto son autodidactas aínda que se refiran con sorna á «Universidade de Córgomo». En xeral todos crean aquí e a súa arte é froito do que lles rodea. Outra característica destes cinco son as ferramentas. Martelo e cinsel maiormente, para moldear ferro, madeira e pedra que converten en esculturas das que confían na súa calidade, «se non o pensaramos, non as estariamos expoñendo», aclara Rey.
Reivindicar a súa obra
Ademais de boas, son obras descoñecidas. Ese é o segundo motivo desta mostra conxunta e o principal para crear @Sil, un colectivo aberto a tódolos artistas da comarca, sen distinción de técnicas ou estilos.
Estes din que as súas esculturas semellan clásicas polos materiais. De feito, algún bromea calificando os compañeiros como «os últimos de Filipinas». «Uns románticos», puntualiza outro. Sexa como sexa, adícanlle á arte o tempo que rouban á familia, xa que tan só un deles vive da inspiración.
Todos queren que se coñeza e valore a súa obra, que a xente a merque e a poña na casa, que lle transmita as sensacións que tiveron os seus autores na soidade do proceso creativo. Ou cando menos, que guste. Torino di que en Valdeorras hai cada vez menos cultura, eles resisten.