Entrevista | Florencio de Arboiro É un dos máis importantes artistas ourensáns. As súas esculturas son admiradas, como tamén o é a súa labor etnográfica, de recuperación dos oficios tradicionais
02 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Ven de inaugurar en Castro Caldelas a mostra O afiador e o seu oficio e hoxe, no parador de Santo Estevo, abre ao público unha exposición na que se mesturan pezas da súa ampla colección de rodas de afiar, instrumentos propios do oficio de capador e, como non, as súas famosas esculturas. -¿É un oficio extinguido o de afiador? -Segue habendo afiadores. Eles din que sempre os haberá. O afiado é un tema imprescindible. Quizais o último afiador tradicional, que ía coa súa roda, sexa o señor Domingo, que xa faleceu. Agora aínda queda algún afiador en motocicleta. -Cento cincuenta pezas e trinta anos dedicado a coleccionalas. Haberá rodas de afiar cunha historia peculiar e ás que lles teña un cariño especial. -Téñolle cariño a todas as rodas, porque detrás da roda está a historia dunha persoa e todo é un conxunto da vida dunha persoa ao lado da roda ou da roda ao lado da persoa. -Preside ademais a Asociación de Amigos do Afiador. ¿Cal é a súa labor? -Tentamos recuperar a memoria histórica dos oficios. Por exemplo, na exposición de Castro Caldelas pódense ver rodas de afiar propias da comarca. Alí apareceu un grupo bastante amplo de vellos afiadores. Foi moi agradable. Agora a familia valora o traballo dos seus pais e avós e recoñece o gran traballo e sacrificio que fixeron. Ser afiador era un orgullo. -¿Cal é a actitude das novas xeracións ante estes oficios que, para os máis novos, son case descoñecidos? -Precisamente por iso estamos traballando. Houbo unha época na que á xente lle daba vergoña falar do seu pasado. As novas xeracións ven o esforzo e o mérito que tiña esta xente. Cando ven as máquinas, as fotos, valoran moito máis a tradición e a cultura. -Un dos oficios que se verá representado en Santo Estevo é o de capador, descoñecido sobre todo para as xeracións máis novas. -O oficio de capador é universal, como o de afiador, pero o de capador estaba máis dignificado e mellor pagado. Os coñecementos pasaban de pais a fillos, ou a xente do clan familiar, e sempre homes, nunca mulleres. Para poder traballar tiñan que sacar un título na escola de veterinaria, onde acreditaban os seus coñecementos a través dun exame práctico. -Un escultor coma vostede, que traballa con materiais da terra, coma bronce, madeira ou pizarra, ¿como ve o novo arte de deseño? -Eu son amante da obra que move os sentimentos e da nobreza dos materiais.