O alumno e o profesor

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa OURENSE

OURENSE

Crónica | A raíz ideolóxica do candidato do BNG Xosé Manuel Beiras fixo onte campaña con Alexandre Sánchez Vidal. É fíxoa, por suposto, na universidade. O acto serviu para que mentor e discípulo se reencontrasen

23 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?lexandre Sánchez Vidal acunouse nos brazos do beirismo cando naceu ao nacionalismo. E onte, a campaña electoral permitiulle ao discípulo de entón reencontrarse co mentor, con Xosé Manuel Beiras, que actuou no seu espacio natural: a universidade. Reproducíronse os roles, o de profesor e o do alumno, nunha clase de política. Cando Sánchez Vidal está a punto de pasar polo trance do exame de fin de curso que son as eleccións, Beiras axudoulle a facer o repaso dunha lección que o histórico dirixente nacionalista considera fundamental de cara a avaliación que van facer os cidadáns o próximo domingo: «Universidade e cidade naceron xuntos e teñen que estar conxugadas. Un goberno municipal ten que ser consciente da importancia que ten que unha cidade como Ourense teña un campus, cada vez máis denso, e que haxa unha simbiose entre cidade e universidade. Non poden ir por separado. Nin pode o goberno municipal pensar que o campus é un florón que se pon na lapela ou que se enarbola cando hai que presumir de algo». Mentres o profesor tirou de historia e filosofía, o alumno foi -como probablemente a maioría dos estudantes- máis práctico e aproveitou as vantaxes da administración amiga, as da Xunta, para explicar que a Dirección Xeral de Deportes construirá as pistas de atletismo do campus. Unhas pistas que, como apuntou o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, poderán facerse realidade porque o Concello de Ourense -Sánchez Vidal non perdeu a oportunidade de tirar contra o PP por non invertir no campus- cedeu algúns terreos necesarios. Beiras fixo outra cousa que fan os profesores orgullosos. Presumir de rapaz. Asegurou que se Sánchez Vidal chega a alcaldía o cambio político terá un efecto multiplicador. Pero como bo mentor non deixou de darlle, veladamente, algunha advertencia sobre futuros pactos: «En colaboración co PSOE e a condición de que efectivamente colaboren nos puntos básicos». E nun entorno tan didáctico, o mestre de mestres, o decano da Facultade de Educación, Xosé Manuel Cid, exerceu de presentador no acto no que os nacionalistas se dirixiron a alumnos, profesores, traballadores, militantes e simpatizantes no campus. Aceso discurso o seu: «O proxecto de Álex merece algo máis que o aprobado. Merece os puntos necesarios para lograr o cambio tras doce anos de desgoberno e caciquismo».