De paseo
17 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.É unha cita xa clásica para os escolares ourensáns. O tren da lingua de Caixanova partiu onte da estación de Ourense rumbo a Monforte e rumbo, tamén, á normalización do galego. Precisamente o obxectivo desta iniciativa é fomentar o uso da lingua entre os nenos. Pero, de paso, conséguese outra cousa: que os escolares ourensáns coñezan un novo medio de transporte. O tren, que chegou a Ourense en 1884 como recordou onte Marcos Valcárcel, é descoñecido para a maioría dos nenos ourensáns, que nunca tiveron oportunidade de viaxar ao longo do camiño de ferro. Precisamente Valcárcel dirixiuse onte aos escolares para explicarlles a importancia que tivo a chegada do ferrocarril e, tamén, para dicirlles que deles depende que, dentro de corenta anos, o galego se teña convertido nunha lingua normal. Iso si, os nenos eran tan nenos e tiñan tantas ganas de subir ao tren que non fixeron moito caso aos discursos. Diso tomou nota a delegado de Educación, Gonzalo Iglesias Sueiro, que se limitou a desexarlle boa viaxe. Tamén acompañaron aos alumnos dos sete colexios participantes o director de Relacións Institucionais de Caixanova en Ourense, Amadeo Rodríguez, e o concelleiro de Cultura, Pepe Araújo. Os pequenos viaxeiros cambiaron polos vagóns as aulas do Filomena Dato de Barbadás, do Sagrado Corazón de Celanova, do Antonio Faílde de Cambeo, do Joaquina Gallego Jorreto de A Merca, do Divina Pastora de Ourense e dos colexios de Punxín e Padrenda. Os alumnos de debuxo da Escola de Artes e Oficios da Deputación tomaron onte, armados de cadernos e lapis, a praza Maior. Sentados na escalinata da igrexa de Santa María Nai pasaron parte da mañá tirando liñas a pé de rúa, a uns pasos do seu centro.