ANACOS | O |
14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.ENTRAR na páxina da estación de montaña de Manzaneda para planificar unha viaxe á zona para disfrutrar da neve é tempo perdido. Moi atractiva e moi interesante pola grande cantidade de información e posibilidades que ofrece para disfrutar da natureza e as paisaxes da montaña do oriente ourensán, a maior eiva estriba precisamente no apartado máis salientable da páxina: a referida ó «parte de neve». O parte de neve parece estar ancorado no tempo e non muda, case que parece unha miragre que nos seus apartados referidos a «pistas abertas», «quilómetros esquiables» ou «espesor e tipo de neve» aparezan algúns díxitos sustituindo o silenzo administrativo que case que é o síntoma da enfermidade deste grande proxecto convertido nun non menos grande luxo asiático. En Manzaneda non hai neve, quizás noutros tempos a chuvia branca fose o sinal característico da zona -así era tal e como comentan os veciños ó referirse ás nevaradas que en tempos caían na zona e ós problemas que provocaban na vida diaria-, e iso como que é unha traxedia para unha estación de montaña que quere rentabilizar a súa condición de ser a única estación para a práctica de esquí na comunidade autónoma. Máis vale tarde que nunca, agora a Xunta acorda que está farta, que tirar o diñeiro en Manzaneda non serve para nada porque non neva e os investimentos que se están a facer non consiguen o obectivo de facer rentable este enclave. Faise necesario que se poñan sobre a mesa as posibles solucións para as infraestructuras e os servicios existentes en Manzaneda e que, dunha vez por todas, se someta a unha análise rigurosa e profunda a xestión que se ten desenvolvido nos últimos anos e os conflictos vividos en Meisa. E se non é viable haberá que tomar algunha decisión seria e firme, e non seguir tapando buratos a conta de todos nós.