ANACOS | O |

03 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

NO mesmo ano en que o franquismo enfiaba a súa particular baixada ós infernos, e Carrero Blanco quedaba para sempre como o símbolo da debilidade do réxime, un dos prometedores mozos de esquerdas que se movía nos ambientes intelectuais madrileños filmaba a súa primeira película: Habla, mudita. Manuel Gutiérrez Aragón gañaba coa súa primeira longametraxe un lugar de honra na historia do cine español e o recoñecemento de festivais de culto como o de Berlín. Emilio Pérez Touriño, que forma para da quinta daqueles que albiscaban o futuro e a esperanza detrás dos símbolos e as lecturas de cada plano naquelas sesións de cineclubes de arte e ensaio, debería buscar ó seu particular Don Ramiro -aquel editor namorado da lingua que queda fascinado por unha pastora muda coa que se quere comunicar- para que lle aconsellase como solventar e superar ese medo ancestral que debe padecer cada vez que pasa por Ourense. O Touriño amable, afable e comunicativo que acudía á cidade proclamando a segunda modernización de Galicia cando aspiraba á presidencia da Xunta derivou nun político esquivo e mudo, lonxano e altivo que se instalou nunha especie de versión renovada do ordeno e mando, dos que non aceptan preguntas nin voces críticas. Os cidadáns de Ourense queren saber que vai pasar coa entrada da alta velocidade, coa depuradora ilegal que agardaba a ser ampliada, coas obras que se caen no acceso centro a Ourense, coas inversións da Xunta na provincia ou coa presenza de presuntos colaboradores de terroristas islamistas en Galicia. O presidente da Xunta, o máximo representante de tódolos ourensáns e galegos, nin sabe nin contesta. Transmite o seu gabinete de prensa que non vai facer declaracións nin respostar preguntas, chega tarde, imparte o seu discurso, faise as fotos e vaise. Ó final a segunda modernización era a volta ó pasado.