CARTA ABERTA | O |
23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESTIMADOS veciños da rúa Cabeza de Manzaneda: O Comité Cidadán Anti-SIDA quere ser o voso veciño. Funcionar na rúa onde vivides, onde traballades ou onde tedes propiedades inmobiliarias. Somos unha ONG, sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública. Isto significa que os socios, voluntarios e directivos do Comité, pagamos as nosas cotas e regalamos o noso traballo por unha causa, a da sida. Facémolo porque creemos que hai que impedir que esta maldita enfermidade siga estragando a vida dos nosos veciños. Porque o sida é unha enfermidade, como o cáncer, a hepatite, a reúma, a artrose, a... Todas son graves e fastidian a vida de quen as padece. ¿Viron algunha persoa desprezar ou marxinar a outra porque padeza dores de cabeza ou ciática? O Comité é un bó veciño. Pregunten a quen nos tiveron na veciñanza da rúa Irmáns Villar, Praza do Trigo, Doutor Fleming ou Progreso, onde está o noso piso de acollida para enfermos que carecen de todo. Ou tra-lo cárcere vello onde estacionamos cada día dende hai un ano o noso Saúde-Móbil. Alí recollemos milleiros de xiringas perigosas que así deixan de ser un risco para os ourensáns. Axudamos ós presos. Miramos polas prostitutas. Valemos ós sen teito. Informamos ós mozos e a toda a sociedade, etc. etc. Somos bós veciños, damos traballo directo a vinte persoas. Todos profesionais, responsables e humanitarios. Cobran menos que se traballasen para o Concello, para a Deputación ou nunha empresa con ánimo de lucro. Non é fácil hoxe ter tantos apoios nunha cidade como a nosa. O goberno municipal, a oposición, a federación veciñal, a Fundación San Rosendo, os partidos políticos, os sindicatos, outros colectivos cidadáns e moitos ourensáns de respecto sairon á luz pública como valedores do Comité. Estamos para resolver problemas, non para crealos. Imos ser veciños, temos que falar. Falemos.